Aquí non hai erro: o 'La La Land' galego estréase online na noite dos Oscar
Por Redacción
A curtametraxe musical do director pontevedrés Pablo Cacheda, que leva por título 'Superpunky' estreouse na internet durante a noite deste domingo na canle de Youtube, coincidindo coa gala cinematográfica por excelencia, os Oscar de Hollywood.
Os creadores deste curto rodado en Pontevedra decidiron que a estrea coincidise coa entrega dos premios da industria cinematográfica aproveitando a comparación que se fai de 'Superpunky', á que se define como o 'La La Land' galego.
Precisamente o musical protagonizado por Emma Stone lograba seis figuras na entrega pero quedaba sen o Oscar á mellor película tras un erro histórico por parte dos presentadores Warren Beatty e Faye Dunaway que inicialmente lles outorgaban ese Oscar e despois tiñan que rectificar porque a película gañadora era 'Moonlight'.
Pablo Cacheda co seu novo traballo afirma que decidiron subilo rapidamente e de maneira gratuíta a Internet porque a rede deulles todo co seu proxecto 'Clases do Social' e queren seguir con esta mesma filosofía. Asegura que 'Superpunky' non é un curto de festivais.
No elenco artístico atópanse artistas como Fernando González, Sabela Arán, Antea Rodríguez e Cova Berdiñas e o apartado musical corresponde aos grupos galegos Monoulious Dop e Priscila.
O curto conta a historia de dúas amigas que se distancian por culpa dos seus diferentes gustos musicais.