O certame de 'Ben veñas, maio' dá a benvida ás curtametraxes
'Ben veñas, maio' volve para fomentar a lingua galega e a creatividade entre o alumnado de toda Pontevedra e presentou na mañá deste mércores 8 de marzo, a edición de 2017, que trae consigo algunhas novidades.
En palabras do concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra, Alberto Oubiña, "o obxectivo do conxunto de certames é promover o uso da lingua, e facelo dun xeito innovador, a través do fomento das diferentes artes."
"Estamos ante un certame que é unha referencia en toda a comunidade educativa", sinalaba Manuel Lourenzo, coordinador da edición pasada,"e que continúa en plena vixencia". A capacidade creativa do alumnado deixábaos cada ano máis sorprendidos, apuntaba, e por iso mesmo era necesario levar a cabo un exercicio de actualización para"tratar de estar á altura".
Con este motivo incorpórase este ano unha nova disciplina como é a creación audiovisual, en forma dun certame de curtametraxes.
O compromiso coa lingua nos tempos que corren, para Manuel Lourenzo,"é dunha importancia vital hacia ese camiño cara a normalización, na que a mocidade ten un papel clave". Outra das novidades que trae este ano será a publicación das obras gañadoras da edición anterior nas diferentes categorías, fotografía, banda deseñada, narrativa, certame musical, entre outras, como unha forma de enriquecer aínda máis o certame e motivar á mocidade pontevedresa a participar.
Poden formar parte todo o alumnado matriculado nos institutos públicos do concello de Pontevedra. O prazo da admisión de traballos remata o día 19 de abril. O anuncio do veredicto do xurado e a entrega dos premios realizarase ao remate do certame musical 'Ben veñas, maio' do sábado 13 de maio.
Podes consultar as bases na páxina do Concello de Pontevedra clicando aquí.