Niño y Pistola fusionan o rock americano e o folk inglés nunha xira que comeza en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Un álbum protesta contra a crise cunha marcada influencia do rock americano e o folk británico. ÿ a proposta que nos presentan Niño y Pistola no seu cuarto disco, There´s a Man with a Gun Over There (Ernie Records, 2013). E os pontevedreses seremos os primeiros en poder escoitalo en directo, xa que a súa xira comezará cun concerto este venres 15 de marzo ás 22.30 horas na Sala Karma.
Tres anos logo do brillante Arthur and the writers (2010), chega There´s a Man with a Gun Over There, un traballo no que as cancións de Niño y Pistola dan respaldo a unha historia de desesperación e perda na América profunda. O seu protagonista é Tom, un traballador farto do trato do seu xefe, que decide comprar unha pistola e matalo e acaba cos seus ósos no cárcere.
Dez anos despois, cando ao saír de prisión volve ao lugar no que naceu, un rancho agora abandonado, busca os obxectos que deixou na súa infancia nunha especia de cápsula do tempo persoal, enterrados, como pode que estea xa a súa vida. Ese final da historia leva a unha oda na que se fai referencia a unha crise económica e do sistema, a que se apunta na historia de Tom e a que nos toca vivir estes días, tan distintas e tan iguais.
A historia cóntase nunhas cancións que van enlazadas unhas con outras, en dous bloques e un epílogo de sonoridades diferenciadas sen que o disco perda a súa unidade. Un disco conceptual, cancións enlazadas, actos e epílogos, guiños á historia do rock... unha arriscada aposta de Niño y Pistola, un quinteto de Baiona formado por Manuel Portolés, Álvaro Álvarez, Enrique Esmerode, Ramón Martín e Arcadio Novoa.
Trátase dun disco gravado en Santiago de Compostela nos estudos A Ponte por Tomás Ageitos, producido polos propios Niño y Pistola, e que conta coas colaboracións de luxo de Charlie Baustista (The Sunday Drivers, Jero Romero, Christina Rosenvinge), xa presente no anterior disco do grupo, aos teclados, piano e harmonium e Álvaro Lamas (Los Limones) á pedal steel guitar.
As entradas para asistir a este concerto, que teñen un prezo de oito euros, pódense adquirir en Rei Zentolo Pontevedra, Pequeno Karma e as taquillas electrónicas de www.ticketea.com e www.entradasgo.com.