Fina Casalderrey, Xosé Monteagudo e Xosé Vázquez Pintor guiarán paseos pola Pontevedra literaria
Por Alejandro Espiño
Tres paseos pola cidade da man de autores e autoras que escribiron sobre Pontevedra. Esa é a oferta dunha nova actividade cultural que se celebrará en abril na Boa Vila. Trátase de Paseos pola Pontevedra Literaria, unha iniciativa conxunta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e Concello de Pontevedra.
Nesta primeira edición, os escritores invitados serán Fina Casalderrey, Xosé Monteagudo e Xosé Vázquez Pintor.
Todos os paseos comezarán ás once e media da mañá e teñen capacidade para 50 persoas. As inscricións, que son de balde, poderán facerse a partir de este martes 28 de marzo no correo electrónico pontevedraliteraria@gmail.com.
O primeiro destes paseos será o sábado 1 de abril con Fina Casalderrey. Baixo o nome de Pontevedra, onde o silencio é sonoro, os participantes farán un percorrido polo importante patrimonio histórico-artístico da cidade, con especial énfase no centro histórico, nos vestixios da vella muralla, nos edificios emblemáticos ou nas estatuas dos nosos persoeiros.
O sábado 22 de abril, Xosé Monteagudo guiaranos pola vida cultural, política e social de Pontevedra seguindo os escenarios da novela Todo canto fomos.
Entre outros, visitaranse os lugares onde se situaban os principais cafés dos anos vinte e trinta, berce de importantes iniciativas culturais e políticas, algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época, onde estaban as imprentas que publicaban os xornais e obras literarias, ou os lugares relacionados coa fundación e funcionamento do Partido Galeguista, así coma os da represión exercida na cidade tras o golpe de Estado do 36.
A última das citas será con Xosé Vázquez Pintor o sábado 29 de abril. A partir dos escenarios da novela A memoria do boi, farase un percorrido polos espazos da cidade antiga de Boapedre (ficción), onde, en épocas diversas, os personaxes da obra tentaron vivir, soñar e impedir que as inxustizas de sempre marcasen as súas existencias.