Alí Baba, acompañado dos 40 ladróns, porá fin ao ciclo de teatro 'Domingos do Principal'
Por Redacción
Domingos do Principal chega ao seu fin. Pero despedirase ao grande, coa representación dun dos espectáculos máis exitosos do país: Alí Babá y los cuarenta ladrones, da compañía vasca Borobil Teatroa. Porase en escena este domingo 17 de marzo ás 12.00 e ás 18.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.
Baseado no tradicional conto, Borobil Teatroa logrou unha adaptación áxil e sinxela para o goce do público infantil. Os tres actores protagonistas van contando a historia de Alí Babá, un pobre leñador persa que descobre un gran tesouro dentro dunha cova. Pero este tesouro pertence a un grupo de 40 ladróns que non perdoarán a avaricia de Kassim, o irmán de Alí Babá, cando descobren que se está levando os seus sacos de ouro.
As trepidantes aventuras de Alí Babá por quedar a salvo da ira dos ladróns e salvar así mesmo á súa familia e aos seus amigos, galoparán polo escenario durante 50 inesquecibles minutos.
Esta versión de Alí Babá y los cuarenta ladrones está recomendada para nenos a partir de cinco anos. ÿ unha produción de Borobil Teatroa, unha compañía formada o pasado ano por Anartz Zuazua, actor vasco que protagoniza e dirixe a función.
Nela tres únicos actores, vestidos con longas saias e camisa branca, un cinto negro e un turbante vermello, usan unhas alfombras turcas como único decorado e apóianse nuns sinxelos efectos sonoros. Utilizando o humor e realizando xogos de palabras procedentes do idioma árabe, encarnan a multitude de personaxes, cambiando de escenas simplemente co típico baile turco xirando en torno a eles ou simulando montar a cabalo sobre as súas saias brancas.
Como vén sendo habitual en Domingos do Principal, a entrada para asistir ás representacións de Alí Babá y los cuarenta ladrones, terá un prezo de tres euros por persoa.