Música e caligrafía mestúranse en Santa María a través das notas do xaponés Hosokawa
Por Diego Torrado
O público que asistiu á Basílica de Santa María a Maior durante a noite deste venres quedou sorprendido polo espectáculo ofrecido coa música do compositor xaponés Toshio Hosokawa, que interpretaba Vertixe Sonora Ensemble, mentres a calígrafía da performer Aoi Yamaguchi coa colaboración da videoartista Masako Hattori ía mostrándose neste concerto multidisciplinar que se engloba no programa Caligrafía do son, dentro do ciclo Do Audible.
Este ciclo comezaba en Pontevedra con este espectáculo no que se estreaba mundialmente a obra 'Souvenir aus Japan'. Neste concerto que chegaba na quinta edición do ciclo musical que promove a Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora tamén se interpretaron dúas pezas que se estreaban en España e reestreouse unha partitura de 1981, perdida e recuperada recentemente.
A música de Hosokawa fusiona o estilo clásico tradicional coa estética oriental. O Shodò, a caligrafía xaponesa, convértese nesta proposta nunha arte da expresión física. O recital tamén contou cun intenso diálogo entre a música de Hosokawa e a do seu modelo artístico Tôru Takemitsu, coa interpretación da partitura gráfica 'Coroa for Pianist(s)', unha peza raramente programada.
O próximo concerto deste ciclo serán o 21 de xuño no Museo Galego do Entroido en Xinzo de Limia co percusionista brasileiro Luís Bettencourt.