Fernando Guillén Cuervo, Natalia Sánchez ou Mofa e Befa, na oferta teatral de outono de Afundación
Por Redacción
Tres obras integrarán a oferta teatral de Afundación en Pontevedra para a programación de outono, entre os meses de setembro e decembro, segundo desvelou a entidade este martes.
A primeira delas será Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira. O novo espectáculo de Mofa e Befa representarase o 2 de novembro ás 20.30 horas.
El príncipe y la corista será a seguinte obra en ser interpretada, o 17 de novembro ás 21.00 horas. Trátase dunha obra dirixida por Pilar Castro e interpretada por Javier Gil Valle, Lluvia Rojo, Marta Fernández-Muro, Brays Efe e Bruno Lastra.
Sexo, monarquía, alta política, conspiracións de salón... plena actualidade para unha comedia hilarante e deliciosa escrita por Terence Rattigan, un dos dramaturgos británicos máis populares e exitosos do século XX.
Aproveitando que está na cidade para a coroación, o príncipe de Carpatia, un gobernante ríxido e autoritario, convida a Mary, corista nun musical, a unha cita romántica no consulado que non terminará como o príncipe prevía. A irrupción da corista na familia real desencadeará unha serie de situacións dignas da comedia de enredo máis hilarante.
Oleanna, de David Mamet e dirixida por Luís Luque, clausurará esta tempada o 14 de decembro ás 20.30 horas. Farao cun elenco encabezado por Fernando Guillén Cuervo e Natalia Sánchez e parte da premisa dunha estudante universitaria que chega ao despacho do seu profesor para pedir que lle suban a nota dunha materia.
Os abonos estarán dispoñibles do 21 de xuño ao 3 de setembro e as adquisicións poderanse realizar no teléfono 902 504 500 e en www.ataquilla.com.