Atopan restos de peixe de hai 1.700 anos no xacemento romano de Adro Vello
Por Redacción
Un achado único. Así cualifican os expertos os materiais que apareceron na recente intervención arqueolóxica no xacemento romano de Adro Vello (O Grove). Restos de peixe de hai 1.700 anos, notables pola súa dimensión e o seu estado de conservación, e ósos de ata sete persoas apareceron durante esta investigación.
O traballo, coordinado por Adolfo Fernández, docente e investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, e a docente e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Olalla López, foi desenvolvido por sete investigadores de ambas as universidades.
A intervención arqueolóxica, a primeira que se realizaba no xacemento desde hai 17 anos, desenvolveuse ao longo dunha semana ao abeiro dun proxecto financiado pola Unión Europea que se centra no coñecemento da produción do sal e as salgaduras no noroeste peninsular durante a época romana.
Aínda que a través dalgunhas notas se sabía da existencia de restos de peixe nos pilos de Adro Vello, o traballo desenvolvido entre os días 19 ao 27 de xuño revelou aos investigadores o que Adolfo Fernández cualificou de "sorpresa".
Tras a limpeza da vexetación que cubría o xacemento, a retirada dunha lápida e o baleirado dos recheos que ateigaban os catros pilos nos que se traballou do xacemento, comezou a escavación do primeiro deles, onde se atopou no fondo unha grande cantidade de restos de peixe de 1.700 anos de antigüidade.
"Semellaba un pastel de masa de follado dun grosor de entre catro e seis centímetros, moi compactado", explicou o arqueólogo, cos que se encheron un total de 21 bolsas tamaño camiseta.
Os restos de ictiofauna atopados, conformados por restos óseos, escamas e espiñas permitirán realizar moitas investigacións, ademais de sobre o tamaño e o número de individuos, sobre o tipo de especies e mesmo o seu ADN e estudar a súa evolución durante os últimos 1.700 anos.
Restos de malacofauna, en especial ostras, e doutros moluscos asociados ao consumo, completan os achados localizados nos pilos, cuxos morteiros tamén serán estudiados por investigadores da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía para coñecer os detalles da súa construción.
Ademais de ser unha factoría de salgadura, Adro Vello tamén é unha necrópole moi importante, na que, froito do traballo desenvolvido durante esta intervención saíron á luz restos óseos de sete persoas, catro menores e tres adultos de diferentes épocas, que abranguen do século V ou VI ata o XVII.
Se se continúan os traballos e seguen a aparecer restos humanos a este ritmo, Adro Vello podería confirmarse, segundo estes investigadores, como unha das necrópoles máis grandes de Galicia.
Relacionadas:
-
O PP reclama outro trazado para a EP-9106 para dar continuidade ás escavacións en Adro Vello
Por Redacción |
-
A Xunta aposta por declarar Ben de Interese Cultural o xacemento de Adro Vello
Por Redacción |
-
Comezan os traballos para acondicionar o xacemento da Lanzada
Por Redacción |
-
Investigan a aparición de ósos humanos nunha praia de San Vicente, ao pé dun xacemento arqueolóxico
Por Natalia Puga |
-
A Deputación intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos
Por Redacción |