A Deputación rende homenaxe ás mulleres vítimas do alzamento fascista de 1936
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Rexas, mulleres baixo o terror franquista" é o título da exposición que percorrerá a provincia como parte da homenaxe que rende a Deputación de Pontevedra á memoria das mulleres vítimas do alzamento fascista de 1936.
Trátase dunha antoloxía da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista. A mostra, que foi presentada este mércores pola presidenta, Carmela Silva, e o deputado de Cultura, Xosé Leal, percorrerá ata final de ano os concellos de Silleda, Tui, Marín, Nigrán e Pontevedra.
A comisaria da exposición, Montse Fajardo, sinalou que "somos conscientes de que moitas non aparecen, moitas quedaron no camiño, pero este é unha homenaxe a todas as mulleres que sufriron a ditadura", a través de 78 fotografías que contan 172 historias con nomes de muller, algunhas delas feitas públicas por primeira vez.
A mostra, segundo explicou Fajardo, está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que "o golpe de estado supuxo unha quebra dos dereitos da República". Unha segunda parte recolle que as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión que os homes senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.
Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres.
O deputado Xosé Leal lembrou o "claro compromiso" do goberno provincial coa memoria histórica "unha constante neste mandato" e destacou que o réxime franquista tamén castigou a estas mulleres durante moitos anos "perpetuando a súa dor, sen poder chorar ás súas ser queridos porque había xente detrás que estaban azuzando para que non o fixesen".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, afirmou que "ao poñer nome e rostro ás vítimas ante a sociedade", estase tamén reivindicando a II República "e os seus valores de liberade, xustiza, igualdade, democracia e legalidade" porque estas mulleres "defenderon o xusto, a construción dun mundo mellor. Estas mulleres eran o mellor da sociedade pero foron silenciadas, por iso paga a pena destacar a súa presenza na nosa historia", dixo.
A exposición "Rexas, mulleres baixo o terror franquista" estará do 12 ao 30 de xullo na Casa do Concello de Silleda; do 3 ao 30 de agosto na área Panorámica de Tui; do 1 ao 30 de setembro no Museo Municipal Manuel Torres de Marín; do 13 de outubro ao 7 de novembro no Auditorio Municipal de Nigrán; e do 10 de novembro ao 10 de decembro no Pazo Provincial da Deputación en Pontevedra.
Relacionadas:
-
As "Mulleres baixo o terror franquista" volven a Pontevedra ata o 10 de decembro
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Pazo provincial acollerá varios actos institucionais de "reparación da memoria histórica"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación de Pontevedra recibe un premio de "Mulleres Imparables"
Por Redacción |
-
O museo Manuel Torres acolle durante setembro a mostra 'Rexas. Mulleres baixo o terror franquista'
Por Redacción |
-
A vixencia do legado franquista
Por Diego Torrado |
-
Luis Bará publica o libro "Non des a esquecemento"
Por Redacción |
-
Un mural de nomes silenciados lucirá no Concello en memoria das familias represaliadas
Por Mónica Patxot |
-
Salcedo rende homenaxe ás vítimas da represión franquista
Por José Luiz Oubiña |