Kalandraka leva ata Bolonia as novidades dos Libros para Soñar
Por Oskar Viéitez
Comezou en Bolonia a 50ª edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil máis prestixiosa do mundo. Kalandraka volve participar un ano máis cun stand propio polo que pasarán, ata o 28 de marzo, autores e ilustradores de varios países que publicaron álbums ilustrados recentemente ou que aspiran a incorporar os seus traballos ao catálogo dos Libros para Soñar.
O portugués José Manuel Saraiva, que recibiu unha mención de honra do Premio Nacional de Ilustración 2011 en Portugal polo libro Cesário Verde, antologia poética; ou a arxentina Vanina Starkoff, autora de Bailar nas nubes, finalista do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, foron os primeiros creadores en visitar o stand de Kalandraka na xornada inaugural da feira.
Un comezo un tanto alterado pola folga de transportes que houbo en Italia nos últimos días e que dificultou que algunhas editoriais recibiran os materiais de decoración e de exposición para os seus espazos.
Ao longo dos vindeiros días, polo stand de Kalandraka pasarán tamén o galego David Pintor, o Premio Nacional de Ilustración 2011 Emilio Urberuaga, a gañadora do I Premio Internacional Compostela Natalia Colombo, as ilustradoras italianas Arianna Papini e Marina Marcolin, e a escritora venezolana -afincada en España- Cristina Falcón, entre outros.
Kalandraka tamén asistirá á presentación do catálogo The White Ravens no stand da Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, xa que entre os libros expostos na escolma dos 250 mellores títulos de LIX publicados en todo o mundo durante o pasado ano, atópase Bandada, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, gañadores do V Premio Internacional Compostela.