Éxito rotundo na estrea do documental 'A Mimitos' no Teatro Principal
Por Diego Torrado
O Teatro Principal enchíase ata a bandeira este venres de público que quería ver a estrea do documental 'A Mimitos', realizado por Manuel Yáñez. O acto estivo presentado polo xornalista Xabier Fortes e contou coa participación de Francis Lorenzo e Gerardo Lorenzo.
'A Mimitos' é unha película na que se narra a historia dunha coñecida prostituta do barrio da Moureira, que se converteu en todo un mito erótico entre os cidadáns da Pontevedra da década dos 40.
O director agradecía antes da proxección deste traballo todas as colaboracións coas que contara para poder realizar este proxecto no que non faltan as declaracións de numerosos personaxes de Pontevedra entre os que destaca a figura do desaparecido intelectual Sabino Torres. Precisamente Gerardo Lorenzo indicaba que se trata da única obra cinematográfica na que coinciden Francis e Gerardo Lorenzo co seu tío Sabino Torres. Pola súa banda, o coñecido actor pontevedrés, protagonista de Águila Roja, mostrábase emocionado ao afirmar que non lembraba o Teatro Principal cheo de público.
Durante a presentación, no escenario atopábase un retrato da actriz Beatriz Campos, que interpreta á Mimitos e que non puido asistir ao evento ao coincidirlle cunha función teatral, similar ao que o pintor Rafael Alonso realizara daquela muller da Moureira, na que amosábase cun peito descuberto.
Neste traballo fanse referencias estéticas a 'Amarcord', de Federico Fellini e recóllense anécdotas con declaracións de pontevedreses sobre aqueles anos da postguerra. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén ten un pequeno cameo neste traballo de Manuel Yáñez.