O deseñador suízo Marc Taeger cambia a cara do FIC Bueu polo décimo aniversario
Por Redacción
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu estrea unha nova imaxe con motivo da súa décima edición, que se desenvolverá do 9 ao 16 de setembro. Trátase dunha orixinal ilustración que representa unha cabeza chea de engrenaxes, obra do deseñador suízo afincado en Bueu Marc Taeger.
O debuxo foi adaptado aos materiais gráficos polo estudio Simbolóxico, responsable habitual dos deseños do FIC Bueu. Na cabeza que se retrata non paran de xirar centos de pezas encaixadas nunha engrenaxe que se foi perfeccionando ao longo destes anos e que sempre está en marcha co afán de mellorar.
A nova ilustración xa se pode ver online e os seguidores do certame axiña a atoparán en camisetas e outros materiais promocionais. Coincidindo con este lanzamento, o festival acaba de abrir o seu perfil en Instagram, que se suma ao doutras redes sociais, como Facebook ou Twitter, nas que se pode seguir toda a actualidade do evento.
O novo deseño ten certa inspiración no filme Tempos modernos de Charles Chaplin e o mecanismo representa tamén as ideas a bulir acotío na cachola e lembra a propia maquinaria do cine.
No branco predominante, destacan algunhas pinceladas de cor, entre elas a agulla que apunta ao número 10. Ao tempo, dos ollos desta singular caveira sae un feixe de luz que semella a lámpada dun proxector, mentres que a tipografía feita a man retrotráenos a un traballo artesanal como é o do cinema.
Relacionadas:
-
Bueu recibiu a 6.500 espectadores no Festival Internacional de Curtametraxes, que gañou a cinta grega 'Fox'
Por Redacción |
-
Chega a hora de Alfred Hitchcock aos relatorios do FICBUEU
Por Redacción |
-
O FICBUEU proxectará un cento de curtas no seu décimo aniversario
Por Redacción |
-
O FICBUEU aposta por promover a difusión do cinema para todos os públicos
Por Redacción |