"Pontevedra, imán de palabras", unha aproximación á poesía desde o Museo de Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra, imán de palabras é o nome do ciclo de poesía organizado polo Ateneo de Pontevedra e a Deputación Pontevedra. Comezará este venres 5 de abril ás 20.00 horas, no Sexto Edificio do Museo cun recital poético a cargo de Dores Tembrás (Bergondo, 1979). Esta mesma poetisa impartirá os dous días seguintes, sábado e domingo, días 6 e 7 de abril, o taller Atraversados.
Este obradoiro pretende ser unha aproximación á escritura poética desde tres posibilidades distintas: os obxectos, o papel e a obra de autores galegos contemporáneos. Serán tres novos tempos nos que a proposta é sinxela, pero ambiciosa: escribir.
A primeira sesión baseada na "promesa", terá lugar o sábado, de once a dous da tarde, e xirará en torno ao tema De obxectos ou materia poética. Un obxecto elixido entre os que figuran nunha lata sinálanos a liña que interesa seguir, a capacidade de descrición obxectiva e a suxestión, a potencialidade que ten e como podemos dirixila na escritura, abordando desde cuestións formais ata ferramentas que permitan converter en poema o pensamento e a emoción poñéndose no camiño da precisión e no papel que esta xoga na construción poética.
Na segunda, Son de papel, o sábado de cinco a oito da tarde, traballarase cun conxunto de papeis de distinta natureza que levan un poema escrito nunha lingua estranxeira que servirá como motor de arranque. A cada poema adxudicaráselle un pasado, un dono e un lugar. As diferentes adxudicacións reflectirán a poética que leva dentro cada unha das persoas. Profundarase nas técnicas e na construción do mecanismo do poema e farase unha análise individual para procurar descifrar as claves do inefable e a súa relación co éxito do poema.
Na sesión matinal do domingo de once da mañá a dúas da tarde, sobre Poéticas contemporáneas, realizaranse rutas de achegamento á poesía galega contemporánea, procurando distintos modos de ler que permitan dispoñer de ferramentas e profundar en aspectos concretos dalgunhas poéticas actuais, coa finalidade de aplicar esas ferramentas á escritura creativa, cunha metodoloxía sinxela, como é acometer a interpretación do texto desde o traballo coa palabra.
As prazas para participar neste taller de poesía están limitadas a 20 persoas, debendo inscribirse os interesados na secretaría do Museo (teléfono 986 804 100, ext. 42436).