Kalandraka fai 15 anos e máis de 1.300 libros
Por Oskar Viéitez
Este martes, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, a editorial pontevedresa Kalandraka celebra o seu 15º aniversario. Dende a súa fundación o 2 de abril de 1998, a editorial leva publicados máis de 1300 títulos en diferentes linguas. Libros que, a partir desta semana, vanse poder adquirir online dende calquera lugar do mundo, a través dunha plataforma de comercio electrónico aloxada na páxina web www.kalandraka.com.
Nestes 15 anos de traxectoria, as publicacións de Kalandraka recibiron varios premios nacionais de edición e de ilustración; recoñecementos aos que se sumou recentemente o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural.
Con presenza directa non só no estado español, senón tamén en Portugal, Italia, México e Brasil, a editorial galega vén afianzando a súa proxección exterior: tras participar na 50ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a próxima cita sectorial á que asistirá será a Book Expo América de Nova York, do 29 de maio ao 1 de xuño.
Outro acontecemento relevante nesta semana do Día do Libro Infantil e Xuvenil é o fallo do VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que convocan Kalandraka e o Departamento de Educación de Santiago. O xurado emitirá o seu veredicto este venres 5 de abril despois de avalir os máis de 400 traballos que enviaron autores e ilustradores de todo o mundo.
Bandada, de María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Hernández, A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, A familia C, de Pep Bruno e Mariona Cabassa, Un gran soño, de Felipe Ugalde, e Cerca, de Natalia Colombo, son as obras que conforman a colección dos Premios Compostela, aos que se presentaron máis de 2.100 obras nas súas seis edicións.
Relacionadas:
-
Kalandraka e a campaña 'Gústame o Galego', premios Xoán Manuel Pintos 2013
Por Redacción |
-
Kalandraka e Migallas cociñan o libro-disco Pan de millo
Por Oskar Viéitez |
-
Kalandraka leva ata Bolonia as novidades dos Libros para Soñar
Por Oskar Viéitez |
-
A princesa Letizia Ortiz entrega o Premio Nacional de Cultura a Kalandraka
Por Redacción |