Prepárate para a II edición do Galegote Rock cun avance, o concerto de O Neno Elliott e Os Amigos dos Músicos
Por Alejandro Espiño
A segunda edición do Galegote Rock ultima os seus preparativos. Para quentar os motores deste festival de música, destinado a grupos que cantan en galego, este venres 5 de abril a Sala Karma acollerá, a partir das 22.30 horas, un concerto-presentación. Os protagonistas serán dúas bandas galegas: O Neno Elliott e Os Amigos dos Músicos, dous grupos con moita relación entre eles.
O Neno Elliott é o novo proxecto musical de Daniel Alonso, un artista de longa traxectoria. Tras iniciar a súa andaina con apenas trece anos, foi un dos fundadores do grupo Blood Filloas, que se fixeron coñecidos pola súa canción Superheroe para o Xabarín Club da TVG. Tras separarse o grupo e pasar unha temporada por medio mundo, nace Boy Elliott, bautizado pola súa veneración por Elliott Smith e Badly Drawn Boy.
Con ese novo alter ego volve a Galicia e aséntase en Ourense, onde retoma con forza a súa carreira musical, editando varias maquetas, participando en numerosos festivais e concursos, gravando cancións para diferentes recompilacións e abrindo concertos de artistas moi recoñecidos. E en setembro de 2008 xúntase coa banda The Plastic Bags, unha intensa etapa que durou case doce meses.
Certos cambios na formacion que ate o momento o acompañaba, e a decision de atopar a orixinalidade nas suas propias orixes fai que Dani Alonso mude de pel convertíndose definitivamente en O Neno Elliott. Baixo este novo nome editou tres EP, Venceremos nós (2011), Penetration Player (2012) e 2012 (2012), unha mostra da calidade artística dun músico imprescindible dentro da música en galego.
O Neno Elliott estará acompañado por Os Amigos dos Músicos, un grupo que xurdiu en Ourense para acompañalos en directo e que pouco a pouco, fóronse convertendo nun grupo con entidade propia, especialmente despois de gravar a canción A Orquestra Filarmónica de Osaka, na que lle puxeron música a un poema de Ricardo Carvalho Calero. Desde entón están a traballar as súas, escritas en galego.
Os Amigos dos Músicos está formado por Marcos Paradelo, Arcadio Nóvoa, Jaime Mateo, Raúl Diz, Rosa Lison e Septi. Tres deles xa tocaron xuntos hai uns anos en Annie Hall. Ademais, Marcos foi o baixista de The Plastic Bags e Jaime toca a batería en O Sonoro Maxín e noutros proxectos como Haecceidad. Raúl foi guitarrista de Niño y Pistola, banda na que agora toca Arcadio.
Nos últimos meses tocaron en distintos sitios de Galicia; entre eles no aniversario de Disquecool no Liceo Mutante de Pontevedra ou abrindo os concertos de Manel e do Grupo de Expertos Solynieve. Tamén participaron no festival Couch By Couchwest e no disco de tributo ao músico ourensán Magín Blanco. Acaban de gravar unha nova canción Esa Hora Chegará, para o disco que Desconcierto Cultural prepara con motivo do Record Store Day Galicia.
As entradas para asistir a este concerto-presentación do Galegote Rock teñen un prezo de cinco euros, aínda que se se adquire o abono para todo o festival, pagarase doce euros.