A asociación Armadiña recupera a Romaría na Renda
Por Redacción
A asociación Armadiña retomou a vella idea que gardaba desde que iniciou a súa actividade no ano 2011 e este domingo 10 recuperará a 'Romaría na Renda', unha tradición xa perdida que se celebraba na contorna da Capela da Renda durante a celebración da festividade da Virxe da Graza.
Actualmente, os veciños desa zona séguense reunindo para celebrar unha comida festiva. E a asociación cultural quixo recuperar esa iniciativa que transmitiran os pais e avós dos integrantes deste colectivo.
A festa celebrarase no lugar de Xuviño en Combarro e contará cunha comida popular na que cada veciño levará a súa propia comida. No campo da festa haberá un posto de cervexa artesanal, unha polbeira do Carballiño e unha rosquilleira.
A programación iniciarase ás 10.30 horas cun roteiro polos petróglifos con saída da praza da Chousa e os participantes coñecerán os petróglifos de Xuviño. A partir das 12.30 celebrarase unha sesión vermú co grupo Folkies Celtas.
Durante a tarde, os máis pequenos contarán con xogos populares que darán paso a un concerto das Pandereteiras de Ronsel. A Armadiña conta co apoio do Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra e da Comunidade de Montes de Combarro Rega dos Agros para a recuperación desta festa.