Nace en Pontevedra a innovadora iniciativa artística euPUXO
Por Oskar Viéitez
A sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e o Espazo Arroelo - Coworking, son os lugares elexidos en Pontevedra para presentar o proxecto euPUXO.
A inauguración da exposición do polifacético artista pontevedrés Daniel Diéguez terá lugar este xoves 4 de abril a partir das 20 horas, e estará aberta ao público durante dúas semanas. Tras este período realizarase unha poxa na que se poderá mercar as obras partindo dun prezo reducido de 10 euros, de forma que resulte acesible para todo tipo de públicos.
As obras que forman parte da exposición pertencen ao traballo artístico realizado durante anos por Daniel Diéguez, que decide así apostar por esta innovadora fórmula para dar saída a pezas que difícilmente poderían chegar doutro modo ao gran público. O obxectivo último é a "democratización e autofinanciamento da arte, ofrecendo a posibilidade de que, nestes tempos de precariedade e crise, o artista atope unha recompensa ao seu traballo, e os compradores a fórmula para adquirir pezas orixinais de gran valor a prezos asequibles".
En palabras do artista "trátase de xerar un interese no público e facer que toda a obra acumulada atope o seu espazo ou fogar cunha persoa que, a través dunha aportación simbólica, demostre que valora a peza concreta que adquire".
O proxecto euPUXO está configurado como mostra/poxa coa finalidade de crear unha plataforma diferente que permita adquirir arte eludindo a especulación, e cuestionando os condicionantes actuais do sistema, que só permite a publicación, valoración e transmisión da arte entre uns poucos artistas dun círculo pechado.
A iniciativa chama a atención sobre a precariedade e difícil sostenibilidade da carreira do artista
A iniciativa chama a atención sobre a precariedade e difícil sostenibilidade da carreira do artista, en contraposición a un denominado "star system" artístico sobrevalorado en detrimento dos demais. euPUXO fai fincapé tamén en que, neste proxecto, e a diferencia do que acontece no círculo artístico habitual, será o artista o único que recibirá unha remuneración polo seu traballo. Os centros, persoas e empresas colaboradoras da iniciativa (Correveydile, Espacio Arroelo-Coworking Pontevedra, Espazo en branco e Portal 48) prestan a súa axuda de xeito altruista, apostando por unha nova fórmula para o autofinanciamento a democratización da arte.
Paralelamente á exposición pontevedresa, parte da obra de Daniel Diéguez exhibiráse no Espazo en Branco de Santiago de Compostela a partir do venres 5 de abril en horario de 19 a 21 horas de luns a venres.