O Principal acolle este xoves a presentación de 'Peter Brandon', unha webserie con guión pontevedrés
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Seguindo o ronsel de series como '¿Qué fue de Jorge Sanz?', 'El fin de la comedia' de Ignatius Farray ou da estadounidense 'Louie', o guionista pontevedrés Óscar Cruz elaborou a historia do cómico galego Pedro Brandariz para crear o argumento de 'Peter Brandon. Unha vida pola comedia'. Este xoves a partir das 20.30 horas, con entrada libre, poderanse ver tres capítulos desta webserie no Teatro Principal de Pontevedra.
A concelleira de Cultura Carmen Fouces acompañada polo actor Xosé Manuel Esperante, o guionista Óscar Cruz e a axudante en produción, Cora Sayers presentaba este proxecto que contará con sete capítulos. O terceiro episodio foi gravado integramente en Pontevedra.
Este traballo audiovisual mostra as situacións tragicómicas polas que transita a vida de Pedro Brandariz con momentos cómicos surrealistas e con reflexións existenciais. A historia non se detén en realizar críticas á Televisión de Galicia, sinalou Xosé Manuel Esperante, que interpreta ao mellor amigo de Peter Brandon nun elenco actoral no que figuran coñecidos actores como, entre outros, Xosé A. Touriñán, David Amor, Isabel Risco ou Evaristo Calvo.
Óscar Cruz destacaba que, polo momento, o proxecto está a obter moi boas críticas e logrou galardóns como o premio ao mellor proxecto de webserie en galego do Carballo Interplay.
A concelleira Carmen Fouces destacou a importancia de ter confianza nos proxectos da cultura galega, "hai que deixar ou papanatismo cultural" afirmou manifestando o seu orgullo porque os mozos bátense " o cobre" para sacar adiante propostas como 'Peter Brandon'.