Anceu celebra as festas das Dores cunha nova edición da súa antiga danza
Por Redacción
A parroquia de Anceu celebraba este domingo a festa da Virxe das Dores, coa tradicional Danza de Anceu, un conxunto de cinco bailes que simbolizan a veneración á virxe.
Segundo o Concello, unha vella fotografía demostra que esta danza se realizaba xa no ano 1928. Inicialmente só era interpretada por homes e a partir dos anos 30 incorporáronse as mulleres. Os danzantes vestían o pantalón e camisas brancas, tamén portaban unha especie de mandil por baixo do mantón. Ademais, os participantes levaban un gorro con formas xeométricas coroado pola "flor da danza", unha especie que crecía nos montes de Anceu e florecía en setembro. A día de hoxe esta flor xa non se atopa.
Oito danzantes, catro homes e catro mulleres, renovaron a tradición da Danza de Anceu con cinco bailes con vimbios, paus, castañuelas e cintas. O repertorio foi modificado nos anos 70 ao incorporar algunhas das tradicións da Franqueira, como a do trenzado das cintas.
O alcalde Andrés Díaz asistía en representación do goberno local tripartito. O actual rexedor foi danzante en Anceu hai anos, seguindo a tradición familiar, e agora é o seu fillo quen participa neste evento.
O acto contou coa participación do grupo Os Alegres que, como desde hai 40 anos, encárgase de amenizar a festa. A súa participación foi contratada a través do Concello.