"Días sen gloria", a nova representación do Centro Dramático Galego, verase tamén en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Centro Dramático Galego (CDG) representará a súa nova montaxe teatral en Pontevedra. A produción Días sen gloria, dirixida pola galega Fefa Noia a partir da que está considerada como unha das obras mestras de Roberto Vidal Bolaño, ten programada unha función no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra para o próximo 31 de maio. Así se confirmou na presentación da obra.
Manuel Manquiña sitúase á fronte dun elenco no que tamén figuran Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. Protagonizan unha historia de tinturas épicas sobre unha viaxe sen retorno, co Camiño de Santiago como fío condutor, que regresa agora aos escenarios dentro da programación que a compañía desenvolve en homenaxe ao dramaturgo compostelán no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Días sen gloria fala dun camiño que transforma os camiñantes e a súa relación, de trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas breves concentradas en hora e media de función, con 25 personaxes a cargo de cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.
No seu transcurso, os protagonistas van cubrindo diferentes etapas dun camiño de atmosfera desacougante, que se presenta como metáfora do sentido circular da vida e como escusa para retomar o paradigma amor-morte. Trátase dun percorrido de perigos, violencia e sexo, no que porén acaba triunfando a solidariedade, a amizade e o amor.
Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados, que peregrinan a Compostela na busca de obxectivos ben diferentes, mais utópicos en ambos casos. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende dar alcance na ruta xacobea o cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da viaxe, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que desde a primeira escena se presenta como inevitable.
Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados polo resto dos membros do elenco: Borja Fernández, Felipa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes, permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e incorpora, ademais, moitas outras.
Este importante reto escénico supón ademais o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, botou man dun experimentado equipo artístico tanto dentro como fóra de Galicia.
Produción central do Ano Vidal Bolaño
A compañía da Consellería de Cultura e Educación, para a que o autor desenvolveu numerosos traballos escénicos nunha decena de espectáculos, elixiu como produción central do seu Ano Vidal Bolaño unha das obras que mellor resume o universo bolañano, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.
De feito, unha parte da crítica detecta aquí unha importante pegada do western e as súas historias de antiheroes, amor e excesos, mentres que outra relaciona o texto coas chamadas road movies, malia estar ambientada contra finais do século XVI. Esta conexión cinematográfica atopámola igualmente na estrutura fragmentaria e circular da peza, na que Fefa Noia identifica tamén unha pátina de conto ou fábula, desas "historias que relatan o feito mesmo de contar a historia".