As obras escultórico-pictóricas de Fernando Carballa crean un universo simbólico en Pontevedra
Por Redacción
Obras escultórico-pictóricas que xogan coa materia para atrapar ao espectador nun mundo simbólico. Iso é o que poderán atopar dende este venres e ata o 25 de abril as persoas que acudan á sala de exposicións do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra. ÿ o contido da mostra Atlantic Waste do artista pontevedrés Fernando Carballa.
A exposición conta con varias obras pictóricas que teñen moito de escultura e que se proxectan na terceira dimensión para recoller a importante influencia e evocación do mundo celta e da propia idiosincrasia das Rías Baixas.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, a obra baséase na imaxinación, nos elementos simbólicos. Traballa con ferramentas conceptuais fronte a unha natureza que califica de informe e inhumana. "Como os simulacros borgianos, a pintura de Fernando soe mostrar unha batalla perdida: individuos aferrados aos seus signos culturais (esferas, números, círculos, redes) que loitan contra un vacío que os devora, unha materia que se resiste a ser capturada baixo a forma da matemática", matiza Raúl Cazorla. A súa obra podería describirse, segundo este crítico da artes como "unha forma de sortilexio ou feitizo contra o absurdo, un rito para espantar o mal".
Os traballos que presenta nesta mostra Fernando Carballo atrapan ao espectador na propia materia coa que conforma a obra. Por iso o artista goza do barroco e da metafísica traspasada polo propio material co que completa os lenzos.
Fernando Carballo naceu en 1954 e na actualidade conta cun estudio propio en Madrid. Formouse inicialmente na Facultade de Belas Artes de A Laguna (Tenerife) e rematou os seus estudos en Madrid, completándoa con cursos de gravado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A exposición permanecerá aberta en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a sábado.