O pop español dos 80 chegará a Pontevedra co musical Escuela de calor
Por Redacción
Escuela de calor é o espectáculo que recolle as cancións e os éxitos máis importantes da "movida" madrileña. O musical céntrase na época dos 80 cando a radio e, sobre todo, a FM se convertían no medio máis influente para marcar os gustos musicais de toda unha xeración.
Desta forma, nesta montaxe faise un repaso dos temas máis coñecidos de Burning, Nacha Pop, Los Secretos, Alaska, Radio Futura, Rosendo, Gabinete Caligari, ou Tino Casal pasando por Loquillo, Miguel Bosé, Hombres G, Joaquín Sabina ou El ÿltimo de la Fila. Pero o espectáculo ofrece tamén temas de etapas máis recentes con éxitos de artistas como Estopa, Fito & Fitipaldis ou Amaral.
O espectáculo transcorre a través da vida dunha nova locutora de radio que nos mostra todos os detalles desa acelerada etapa da súa vida, os seus amores, desamores, os seus gustos musicais, o seu traballo día a día, as súas inquietudes e os problemas que lle preocupan.
As voces de Alberto Comesaña de Amistades Peligrosas, Carlos Segarra de Los Rebeldes ou Pablo Perea de La Trampa inclúense neste espectáculo que conta con decorados acordes co que vai sucedendo a través dunha escenografía impactante e máis de dúas horas de proxeccións.
Poderase ver no Centro Social de Novacaixagalicia o domingo 28 abril a partir das nove da noite. As entradas pódense adquirir a partir dos 30 euros a través de servinova