O Ballet de Moscova chega a Pontevedra co Lago dos Cisnes
Por Redacción
O Ballet de Moscova chegará o sábado 25 ás 19.30 horas no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra co Lago dos Cisnes.
O público poderá presenciar un espectáculo creado por dúas lendas do ballet como foron Marius Petipá e Lev Ivanov, e coa música insuperable de Tchaikovsky. En escena, os artistas cativan ao seu público transmitindo emotividade e a técnica máis depurada da escola rusa, interpretando, nesta ocasión, unha obra indispensable do ballet.
En palabras do seu director e fundador, Timur Fayziev, "a vida dun bailarín esixe un compromiso total. Os ensaios son diarios e de moitas horas, hai que levar unha vida espartana, dedicada a mellorar a técnica, controlando as horas de soño e de descanso e, naturalmente, coidando moito a alimentación. Pero cando estás namorado do baile non supón un sacrificio senón todo o contrario. A compañía convértese na túa gran familia, pasas todo o tempo con eles e a profesión é tan absorbente que che deixa pouco ou ningún espazo para outras cousas"
Fundado en 1989 polo coreógrafo e bailarín ruso Timur Fayziev tras máis de dúas décadas nos escenarios, o Ballet de Moscova está formado por algúns dos máis destacados bailaríns e coreógrafos dos ballets rusos como o Bolshoi ou o Stanislavsky e é, neste momento, unha das compañías máis importantes do seu país.
O seu recoñecemento como gran compañía queda atesourado polas súas máis de vinte e cinco anos de existencia ofrecendo os seus espectáculos por medio mundo desde China a Taiwan, pasando por Italia, Suíza, Inglaterra, España... e con máis de dous mil representacións ás súas costas.