Os bolseiros do certame Novos Valores expoñen no Sexto
Por Mónica Patxot
"As propostas aquí presentadas veñen a demostrar a importancia das bolsas de estudos para que as creadoras e creadores acaden novas visións convivindo con outras realidade artísticas", asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a inauguración da mostra que recolle a obra de María Maquieira, Basilisa Fiestras, Olmo Cuña e Diego Vites, gañadores do certame Novos Valores 2016.
A modalidade de premio e a bolsa de estudos artísticos están dotadas cada unha delas con 7.500 euros.
Na pasada edición, o xurado do certame Novos Valores seleccionara como obras gañadoras unha pintura, 'Historiografía Tigua (sen xesta)' de Diego Vites; unha escultura, 'Lentes' de Basilisa Fiestras; un debuxo, 'El boceto ampliado' de María Maquieira; e un vídeo 'Die sonne auf der Pfaueninsel' de Olmo Cuñas.
A través da bolsa de estudos do certame, María Maquieira realizou unha serie de viaxes e residencias artísticas ao longo deste ano. No mes de febreiro trasladouse a Atenas, nos meses posteriores realizou unha serie de viaxes periódicos a Roma, e en agosto fixo unha residencia artística na illa de Creta, concretamente no centro 'The Lakkos project'.
Ao longo de todas estas viaxes, María Maquieira realizou un traballo de investigación, plasmado en debuxos e colaxes, nos que trata de relacionar os lugares co seu propio proceso artístico de cara a compoñer o que denomina un “persoal diario en imaxes”, a través de obras moi ligadas á anatomía humana, nomeadamente ao rostro. Así, a obra exposta no Sexto Edificio inclúe varias series diferenciadas en función das viaxes realizadas pola artista. Cada unha das series leva unha cartela identificativa manuscrita pola propia artista.
Olmo Cuña presenta unha instalación titulada 'Volantes' baseada nun experimento de pintura errante. Collendo como punto de partida o que en México –lugar no que realizou a residencia artística e no que aínda permanece- se denominan 'volantes', isto é, os folletos e impresos publicitarios que se reparten na rúa, realizou unha serie de pequenas pinturas que reproducen detalles dunha vía rápida.
O que o artista pretende abordar nesta instalación é como os espectadores do Museo de Pontevedra reciben unha obra presentada cun formato e unha distribución non habituais. Para isto propón que as pinturas se presenten sobre unha mesa, como se se tratase dos demais folletos informativos do museo, para explorar se os visitantes rachan o que denomina “a barreira do non tocar” e ver de que xeito se achegan á súa obra.
Diego Vites realizou unha estadía de dous meses e medio no Ecuador para continuar co seu proxecto 'Historiografía Tigua', co que relaciona a estética do folclore galego co andino e a ancestral técnica de pintura sobre pel de ovella tensada sobre un bastidor, como pode ser nun tambor.
O tempo que permaneceu no Ecuador realizou unha serie de novas pinturas en colaboración con dous artistas locais, Luis Edwin Pastuña –fillo-, e Segundo Pastuña –pai-, ambos naturais de Quilota. As obras resultantes e que se expoñen no Sexto Edifico aparecen asinadas polos tres. Trátase e obras de pequeño formato, cunha estética moi colorista e fortemente ligada a temáticas indíxenas, e que incorporan elementos da cultura galega. Como exemplo pódense citar elementos tan recoñecibles como o Sexto Edificio, a Peregrina, ou a estatua de Castelao. Vites tamén incorpora un audiovisual titulado 'Tigua' que recolle a etnografía ligada a esta cultura, así como carteis que amosan a difusión deste documental no Ecuador.
Basilisa Fiestras realizou varias estadías, unha en Barcelona, onde realizou un curso de moldes en vidro, outra en Venecia para visitar a Bienal, e a última en Milán para visitar diversas escolas de arte e moda, posto que a artista investiga tanto o corpo como outros elementos que o complementan. Coa bolsa de creación artística, Basilisa desenvolveu o proxecto “Regras para un parque humano” a través do cal, expón a representación en escaiola do seu corpo fragmentado e repetido, para crear diversos xogos e formas, cos que as súas instalación limitan, invaden e modifican o espazo.
Relacionadas:
-
O Museo acolle a exposición das obras gañadoras de Novos Valores 2017
Por Redacción |
-
A Deputación convoca o certame de artes plásticas "Novos Valores" 2018
Por Redacción |
-
Preto de 8.500 persoas visitaron a mostra sobre María Vinyals e os Novos Valores
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra supera os cen mil visitantes no que vai de ano
Por Redacción |
-
Xa pode visitarse no Edificio Sarmiento as obras do Certame "Novos Valores 2017"
Por Redacción |
-
Yolanda Ríos, Mariluz Feijóo, Aitor Víctor Fernández e Borja Guerrero gañan os Novos Valores 2017
Por Redacción |
-
101 obras aspiran a ser seleccionadas para o certame de Novos Valores
Por Redacción |