A 'rockandrollear' en galego: chega a II edición do Galegote Rock
Por Alejandro Espiño
Chegou a hora de 'rockandrollear' en galego. Todo está preparado para o inicio da II edición do Galegote Rock. Unha iniciativa que pretende servir de altofalante a toda unha escena de música independente que se fai en galego e que ten moitas dificultades de chegar aos circuítos comerciais. Tres días de festival, desde o xoves 11 ata o sábado 13 de abril, que terán lugar na Sala Karma e en que participarán un total de sete bandas.
Os concertos do Galegote Rock comezarán o xoves 11 de abril no Pequeño Karma. Alí actuarán Roger de Flor e O Marqués das Vinhas. Trátase dun peculiar proxecto musical, dúas xeracións e dous xeitos de entender a música de forma diferente, pero absolutamente complementarias e, ao mesmo tempo, atemporais. Nos seus 'duelos' musicais recoñécense influencias de Brassens, The Kinks, Zeca Afonso ou Cole Porter.
A actividade musical trasládase o venres 12 de abril á Sala Karma. Será cun triplo concerto con diferentes propostas de rock, desde o máis alternativo aos ritmos de garage e punk. A banda máis coñecida, Terbutalina, chega con novo disco debaixo do brazo, Ritmo serbio (2013), no que inciden no seu recoñecido estilo, a medio camiño entre o garage e o punk, ou como eles mesmos destacan "festa, velocidade e empanada".
A continuación actuará Martelo, un trío que aporta unha dose enerxética de actualidade á escena galega do rock. Cancións orixinais, combativas e poderosas letras corrosivas e mordaces en galego. Os que escoitaron a Martelo, sinalan a Jimy Hendrix, Rage Against the Machine, Resentir, Urban Dance Squad, Def con Dos, Red Hot Chili Peppers ou Rollins Band, como principais referencias.
E para rematar será a quenda de Foxy Freire, un grupo formado en 2010, que se nutre do rock de finais dos 60 e principios dos 70. Con claras influencias de The Doors, Jimi Hendrix ou Led Zeppelin, este cuarteto ofrecerá un espectáculo cheo de enerxía e rock and roll. Actualmente traballan, desde o seu pequeno local de ensaio de Moaña, na gravación do seu primeiro disco, que pretenden editar nos próximos meses.
E xa o sábado 13 os concertos comezarán coa actuación de Ataque escampe, un dos grupos máis recoñecidos do momento. Con catro discos no mercado, o último Noites de agosto con Ataque escampe (2012), describen o seu traballo como "musicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos a derrota, pero tamen rock'n'roll para 'desabrochar' as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído".
As actuacións do Galegote Rock complétanse con Fervellasverzas, a única representación local neste festival. Son un grupo de rock que celebra o seu décimo aniversario. Formado polos pontevedreses Roberto Fernández e Gonzalo Maceira, empezaron facendo punk-rock pero co paso do tempo evolucionaron cara ao rock e o rock sureño, sen esquecerse nos seus atronadores directos, de versionar grandes temas de blues.
A organización prevé abonos para a asistencia a toda a programación ou aos concertos:
- Abono concertos: 8 euros
- Abono por día: 6 euros
A venda anticipada será en La Casa Winchester, Rei Zentolo, Pequeño Karma e nas billeteiras electrónicas de www.entradasgo.com e www.ticketea.com.