Nerea Barros recibirá o premio Curtas Armadiña 2017
Por Redacción
A actriz galega Nerea Barros será recoñecida co premio Curtas Armadiña, un galardón que crea este ano o certame para recoñecer o talento de persoas ligadas ao noso audiovisual.
Nerea Barros naceu en Santiago de Compostela e iniciou as súas andainas no cinema co filme Nena, dirixido por Xavier Bermúdez. No ano 2009 comezou a aparecer na serie Matalobos da TVG e máis tarde, no 2013, traballou na serie El tiempo entre costuras de Antena 3. Un ano despois interpretou o papel de Rocío no filme La isla mínima, dirixido por Alberto Rodríguez, traballo co que acadou o Premio Goya á mellor actriz revelación.
Ata a actualidade, Barros ten participado en diversos filmes, como Rafael, Volver a casa, O ouro do tempo ou Sol y Luna, así como nunha longa nómina de series, entre as que se atopan MIR, Padre Casares, El secreto de Puente Viejo o El Príncipe.
O seu último traballo, A estación violenta, de Anxos Fazáns, foi rodado en Pontevedra e vén de ser estreado no Festival de Cine Europeo de Sevilla. Ademais, Nerea Barros tamén participa na serie Apaches, que pronto estreará Antena 3 e que será distribuída por Netflix.
O premio será entregado co resto dos galardóns do certame o domingo 19 na gala de clausura.
SECCION MEDIOAMBIENTAL
Outra das novidades do Curtas Armadiña é a súa sección medioambiental, que incluirá filmes que mostran o seu compromiso co medio natural. O xurado que determinará o gañador do premio está formado por catro organizacións que destacan polo seu compromiso co medio ambiente como ADEGA, APDR, Amigos da Terra e Greenpeace.
As películas seleccionadas para esta sección do festival son El hombre de agua dulce, de Álvaro Ron; Madrid Zero, de Álvaro Llagunes; Cuando Lucas encontró a Eva, de Nuria Rubió; Chiripajas, de Olga Poliektova; Paxaro escuro, de Simón Casal de Miguel; Sub Terrae, de Nayra Sanz Fuentes e Basura, de Juan Silva.
A proxección das curtametraxes desta sección realizarase o xoves 16 de novembro ás 21:00 horas no Casal de Ferreirós.