David Bustamante, Mónica Naranjo e Merche, invitados da VI Gala contra o Cancro da Orquesta Panorama
Por Alejandro Espiño & Aitana Vidal
David Bustamante, Mónica Naranjo, Carlos Baute, Juan Magán ou Merche. Son só algúns dos artistas que acompañarán á Orquesta Panorama na súa tradicional Gala contra o Cancro. Un macroconcerto benéfico que chega á súa sexta edición e que por segundo ano consecutivo que celebrará no recinto ferial de Fexdega (Vilagarcía de Arousa). Será o próximo 3 de maio a partir das 23:30 horas.
O cartel da gala complétase con Efecto Pasillo, o vocalista de Medina Azahara, Manuel Martínez, Heredeiros da Crus, as performances de Pablo Méndez e os artistas latinos Cali y El Dandee e DKuba, que porán o toque internacional ao evento. E como non, a todos eles hai que sumar a presenza en escena dos músicos e cantantes da Orquesta Panorama durante as catro horas que está previsto que se prolongue o concerto.
O prezo da entrada é de cinco euros en venda anticipada e de sete euros na billeteira, aínda que, como recordou o vocalista da orquestra, Lito Garrido, durante o acto de presentación da gala "o pasado ano foron moitas as persoas que non puideron obter a súa entrada en taquilla ao estar o aforo limitado a 20.000 localidades". As previsións dos organizadores para este ano é volver alcanzar esa cifra de espectadores.
Será unha edición moi especial, xa que esta VI Gala contra o Cancro coincidirá co 25 aniversario desta orquesta, tal vez a máis representativa do sector en Galicia. Por iso é polo que ademais do anunciado este mércores "contaremos con algunha que outra sorpresa", adiantaron os seus compoñentes.
Sobre as razóns que lles levaron a repetir Vilagarcía por segundo ano consecutivo como escenario deste multitudinario evento, Lito Garrido destacou as "facilidades ofrecidas polo concello", o excelente resultado da gala de 2012 "malia as adversas condicións meteorolóxicas" e o feito de que sete dos músicos da orquestra residan na localidade arousana.
De feito, o acto de presentación da sexta edición da gala serviu ademais para realizar a entrega oficial á presidenta na provincia de Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro, María José Crespo, dun talón por importe de 13.965 euros correspondente ao diñeiro recadado, entre outras cuestións, pola venda de merchandising e de discos da Orquesta Panorama durante o concerto do pasado ano.