Dúas das bandas emerxentes de Pontevedra, ¡Qué Desilusión! e PDA, estrean disco na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Tralo paréntese do Galegote Rock, a Sala Karma recupera este fin de semana a súa programación habitual. E faino cun dos grupos máis prometedores da escena emerxente pontevedresa, ¡Que desilusión!, unha nova banda de rock que aproveitará este concerto para presentar as cancións do seu primeiro disco. Será este sábado 20 de abril, a partir das 22.30 horas.
¡Que Desilusión! é un grupo de rock urbano sen tapuxos que ve a luz a finais do ano 2009. Composto por Adrián, Alberte, Charlie e Rubén acaban de editar o seu primeiro traballo baixo a productora El Subko Producciones co nome de A golpe de alfil, un compacto de dez cancións con letras sinceiras e guitarras coidadas entremesturadas cun marcado baixo e unhas precisas baterías.
As súas cancións falan da noite, do desamor, a morte e as drogas e toman influencias de grupos xa míticos no panorama do rock estatal como Barricada, Platero y Tú, Rosendo, Los Enemigos... Aínda que as súas composicións transmiten a frescura dos novos tempos sen perder ese aroma recoñecible do rock estatal máis clásico. Son un dos grupos que saíron do prolífico Local de Música de Pontevedra.
¡Que Desilusión! estará acompañado neste concerto do grupo PDA. Son unha banda de punk-rock de estilo propio e persoal, con letras actuais e irónicas en moitas das súas cancións. Composto por Andrés Taboada (voz), Pedro Juncal (guitarra e voz), Roi Graña (guitarra e voz), Pedro García (baixo) e Xaime Amoedo (batería), naceron en novembro de 2011, pero malia a súa curta existencia, soan xa forte cos seus directos no panorama musical da cidade. Presentarán o seu primeiro EP.
As entradas para o concerto, que teñen un prezo de catro euros, pódense adquirir en Rei Zentolo Pontevedra e Pequeño Karma. Se se compran na billeteira o mesmo sábado, custarán cinco euros.