Comeza a programación do 30 aniversario da Banda de Música de Salcedo
Este ano 2018 a Asociación Músico-Cultural San Martiño celebra un feito especial. Hai 30 anos un grupo de 25 mozos uníase para fundar unha escola de Música que daría lugar á que hoxe coñecemos como a Banda de Música de Salcedo.
Como non pode ser doutra maneira, o aniversario celebrarase con moita música. A programación arrancará o sábado 17 de Marzo co Concerto de Primavera no Pazo da Cultura de Pontevedra, ás 20.00 horas, e continuará ata finais de ano.
A intepretación terá como solista ao bombardinista Alfredo Sánchez Seara. Aproveitarase tamén o evento para a presentación do logotipo do 30 aniversario e o hashtag #somosdesons, utilizado para a promoción da banda durante todo o ano.
A próxima cita será o 17 de maio, cando se ofrecerá novamente un concerto no Teatro Principal coincidindo co Día das Letras Galegas.
Coa chegada do bo tempo, os músicos anímanse a trasladar os seus concertos á rúa. A partir de xuño están programadas varias actuacións nas prazas pontevedresas que se estenderán durante todo o verán, culminando cun concerto especial polas Festas da Peregrina na Praza de España.
O 21 de xullo a chaira da Casa Verde da parroquia de Salcedo será o escenario dun macro concerto con todos os músicos e directores que pasaron pola agrupación nos seus 30 anos de historia.
A fundación da Banda de Música de Salcedo ten como data oficial o día 6 de agosto. Por ese motivo, nos días previos a esa data organizaranse na Casa Verde de Salcedo un ciclo de conferencias que terán como relatoras personalidades relevantes dentro do mundo bandístico, que analizarán a orixe e evolución das bandas de música en Galicia, facendo especial fincapé nas de Pontevedra.
Como colofón a este ano de celebracións, o 24 de novembro celebrarase no Pazo da Cultura un espectáculo da talla de grandes orquestras e coros sinfónicos europeos. A banda estará acompañada da prestixiosa Coral Polifónica Galega