Teresa Fernández-Valdés, primeira española en recibir unha medalla de honra no MIPTV de Cannes
Por Alejandro Espiño
A pontevedresa Teresa Fernández-Valdés, produtora executiva de Bambú Producciones, converteuse na primeira muller española en recibir unha medalla de honra no MIPTV de Cannes, o maior mercado internacional de contidos para televisión do mundo, onde se presentan as novidades para a próxima tempada.
Ela é, xunto co seu marido Ramón Campos, a responsable dunha factoría de ficción que está detrás de grandes éxitos televisivos como Gran reserva, Bajo sospecha, Gran hotel, Velvet ou o máis recente, Fariña.
Xa fora elixida pola prestixiosa revista The Hollywood Reporter como unha das vinte mulleres máis poderosas da televisión en todo o mundo e, con este novo recoñecemento que recibiu en Francia, reafirma a súa posición de liderado no sector.
Trátase dun premio coa que o MIPTV recompensa en cada edición a directivos que contribuíron ao desenvolvemento da industria internacional e da súa comunidade.
Fernández-Valdés asegurou que recibiu este premio como un galardón "a toda a industria española", á que animou a que sexa "máis ambiciosa" cos seus proxectos e que aposte por conectar coas emocións dos espectadores "desde a identidade local".
Ademais, dedicou o premio "a todas as mulleres que traballan comigo" porque explicou que unha produtora "non pode facer nada sen os mellores profesionais ao seu lado".
A produtora pontevedresa compartiu este recoñecemento co francés Pascal Breton, o turco Izzer Pinto e o chinés Weidong Yang.
Bambú Producciones, a compañía que dirixe Teresa Fernández-Valdés, foi tamén pioneira no mercado español ao coproducir a serie Refugiados, rodada en inglés para a BBC, e estar detrás de Las chicas del cable, a primeira serie que produciu Netflix en España.
O seu último logro foi dar o salto a Estados Unidos. Actualmente colabora coa adaptación que a cadea de televisión estadounidense ABC prepara da serie Gran hotel, proxecto que impulsa a actriz Eva Longoria.