'Dinosaurio', a webserie express do Campamento Kamikaze que se presentou con sorpresa
Por Clara Alonso
Este xoves estreábase 'Dinosaurio' en YouTube, unha webserie que se creou en só dous días e medio no Campamento Kamikaze, organizado polo Carballo Interplay.
Para celebrar a quinta edición do festival Carballo Interplay, este ano os organizadores decidiron levar a cabo un proxecto aloucado e innovador. Crear unha webserie en dous días e medio nun campamento audiovisual. A idea de realizar un produto audiovisual en tan pouco tempo só se podía describir dunha forma, kamikaze.
E foi así como xurdiu o Campamento Kamikaze. 24 kamikazes e 8 coordinadores, Teresa Segura, David Sainz, Anxos Fazáns, Silvia Fuentes, Enrique Lojo, Lucía C. Pan, Jorge Boquete e Óscar Cruz. Todos eles conviviron durante tres días no Raz Surf Camp da praia de Razo en Carballo e aproveitaron as súas instalacións para desenvolver a idea, escribir os guións, gravar os episodios e postproducilos.
Despois dunha longa noite de montaxe e edición, por fin estaban listos para ser mostrados ao mundo. Fixérono nin máis nin menos que a modo de apertura do festival Carballo Interplay.
'Dinosaurio' xurdiu coa premisa de que se acaba internet. Descoñécese a razón ou o motivo, pero a caída da rede será a unión dos tres episodios. En ton humorístico, os kamikazes preséntannos distintos problemas que os seus protagonistas terán que resolver.
Desde unha influencer cuxa vida depende das redes sociais en 'Pico Tres', pasando por dous irmáns que necesitan resolver unha dúbida e Google non responde en 'Phonema', ata un criminal con aires de artista audiovisual que xunto ao seu colega grava a súa gran obra mestra, pero a caída da internet obrigaralles a buscar unha solución para conseguir que salga á luz en '99%'.
Con todo, o proxecto kamikaze non acaba aquí. 'Dinosaurio' non xurdiu simplemente como reto a curto prazo.
Os seus creadores convidan a todas aquelas persoas amantes do audiovisual a crear novos episodios e facer unha webserie sen límites nin fronteiras. Que o que xurdiu en Razo en dous días e medio non acabe nunca.
Ademais, todos os que se animen a crear un capítulo poderán optar ao premio Dinosaurio que se entregará na próxima edición do Carballo Interplay. Na súa páxina de Facebook, Dinosaurio La Serie, atópase a información para participar.