O Teatro Principal réndese á figura de Alejandro de la Sota, un dos arquitectos "máis notables do século XX"
Por Redacción
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) escolleu Pontevedra para celebrar este sábado o acto central do Días das Artes Galegas 2018, dedicado a unha persoa moi vinculada á cidade como foi Alejandro de la Sota.
A figura do arquitecto, "un dos máis notables da arquitectura española do século XX e o máis singular daqueles que vincularon a súa estratexia creativa ao Movemento Moderno", sinalou o vicepresidente da RAGBA, Celestino García, estivo moi presente no acto solemne organizado no Teatro Principal.
Ninguén quixo perder a cita, organizada polo Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Fundación Alejandro de la Sota, Colexio de Arquitectos de Galicia, Fundación Docomomo Ibérico e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
Co acompañamento música da Coral Polifónica de Pontevedra iniciouse o evento, que foi presentado pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García González, e que contou cun discurso inaugural do presidente da Academia, Manuel Quintana, ademais da asistencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ou do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Pola súa banda o vicepresidente e académico da sección de arquitectura, Celestino García, leu unha emotiva glosa titulada 'O arquitecto De la Sota ou a procura do esencial' cun percorrido pola vida e obra do pontevedrés.
Na cuarta edición do Día das Artes Galegas, o presidente da RAGBA destacou a figura de Alejandro de la Sota como "home e nome" sobradamente coñecido no mundo da arquitectura e de transcendencia social pola forte pegada que deixou.
A elección do Teatro Principal de Pontevedra tampouco é casual, e é que o arquitecto participou no xurado que elixiu o proxecto gañador para a reconstrución do edificio tras o incendio que sufriu.
Aínda que foi o acto central, o Día das Artes non se cingue a unha única xornada e contará con diferentes actividades ao longo do ano. Desde a mostra que acolle actualmente o Museo de Pontevedra e a inaugurada no Paseo Odriozola este mesmo sábado pasando pola realización dun vídeo con imaxes e achegas inéditas coa colaboración da Fundación Alejandro de la Sota e mesmo a edición dun libro que recolle comentarios sobre o arquitecto, segundo sinalaron os responsables da academia.
AUSENCIA DE ÚLTIMA HORA DO PRESIDENTE DA XUNTA
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, era unha das personalidades convidadas ao acto celebrado no Teatro Principal de Pontevedra con motivo do Días das Artes Galegas, pero finalmente non acudiu ao evento.
A presenza de manifestantes á entrada do recinto, en concreto traballadores e delegados sindicais de xustiza, que continúan en folga, tería motivado a ausencia do máximo dirixente autonómico.
Relacionadas:
-
Salvada do pico a antiga fábrica Clesa, obra do pontevedrés Alejandro de la Sota
Por María José Pita |
-
A pegada de Alejandro de la Sota, eixo dun roteiro de arquitectura en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Praza de Massó acolle a exposición dos arquitectos galegos sobre Alejandro de la Sota
Por Redacción |
-
Máis de 11.000 persoas achegáronse á figura de Alejandro de la Sota no Museo
Por Redacción |
-
A ESAD volve celebrar a Noite dos Museos cun espectáculo ad hoc para o Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha exposición na rúa para coñecer a Alejandro de la Sota e a súa arquitectura de "pasarlo bien"
Por Diego Espiño |
-
A gran exposición antolóxica sobre Alejandro de la Sota amosa material inédito sobre a súa etapa pontevedresa
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O arquitecto Alejandro de la Sota será homenaxeado no Teatro Principal o 14 de abril
Por Oskar Viéitez |