Danza na rúa para que "todos os pontevedreses acabemos bailando"
Por Alejandro Espiño
Música e a bailar. Pontevedra celebrará o vindeiro sábado, 4 de maio, o Día Internacional da Danza con diversas actividades que inundarán a cidade cos diferentes xéneros desta expresión cultural. Búscase, segundo a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, "crear un movemento que afecte a toda a cidade, involucrando aos pontevedreses, e a todos os curiosos que se acheguen a ver os espectáculos".
Nesta celebración participarán numerosas escolas de danza de Pontevedra e do resto de Galicia e terá a súa actividade principal en tres representacións que terán lugar en diferentes espazos públicos da cidade. O obxectivo, segundo, Déborah Alfaya, es que "no sólo sean los alumnos los que se animen a bailar, sino también la gente de la calle, aunque no hayan hecho nunca nada de danza en su vida".
As tres representacións son:
- 16.00 horas: Avenida Montero Ríos. Danza contemporánea e danza clásica.
- 17.30 horas: Praza de Santa María. Danza moderna e break-dance.
- 19.00 horas: Praza da Peregrina. Danza clásica, ballet e bailes latinos.
Nesta última, as escolas de danza acompañarán ao Centro Coreográfico Galego que escenificará con cinco bailaríns e bailarinas a parte da coreografía Aínda asinada por Mercedes Suárez, que fora estreada en 2012 como fragmento do espectáculo completo do mesmo título. Unha exhibición que se repetirá noutras catro ciudades galegas.
Ademais, buscando que "todo el mundo acabe bailando", organizaranse diferentes obradoiros de distintas disciplinas de danza, impartidos gratuitamente, nos que poden participar todos os interesados. Serán na avenida de Montero Ríos dende as 11.00 ata as 13.45 horas e abarcarán distintas disciplinas como mantemento, danza contemporánea e hip hop.
Para eles é todo un reto bailar ao aire libre e diante de tanto público. Como sinalou Roser Garriga, unha das profesoras que impartirá estes obradoiros "es muy bonito bailar al aire libre, porque acostumbrados a hacerlo en un estudio, el movimiento llega más lejos, el cuerpo parece que está más vivo, podemos ir más allá y es mucho más mágico".
As actividades completaranse cun obradoiro fotográfico que se desenvolverá durante toda a xornada partindo do palco da música da Alameda. Os fotógrafos poderán plasmar aos bailaríns en movemento durante toda a xornada ou no plató instalado diante da Casa da Luz na Praza da Verdura. Tamén haberá unha exposición fotográfica do profesional Julián Calvo na Alameda.