Ángel Stanich, Terbutalina e La casa de los ingleses estarán no Surfing the Lérez
Por Alejandro Espiño
Con certo segredo traballa a organización do Surfing the Lérez no cartel da oitava edición do festival, que se celebrará na Illa das Esculturas o próximo 16 de xuño. Pero, a través das redes sociais, xa confirmaron ás primeiras bandas que subirán ao escenario: Ángel Stanich, Terbutalina e La casa de los ingleses.
Os organizadores pretenden desvelar toda a nómina de bandas e artistas durante a celebración do Galegote Rock, que se desenvolverá a partir do mércores en Pontevedra.
Ángel Stanich é unha das referencias da música indie nacional. Envolvido nun aire de misterio -nunca concede entrevistas-, a súa proposta artística, próxima ao rock alternativo, seduciu ao público español desde o seu primeiro traballo, o EP Cuatro truenos cayeron.
Tras o disco Camino ácido, que presentou en directo en Pontevedra, a súa peculiar voz e estilo cantando, que lembra aos sons anglosaxóns, volverá soar na cidade do Lérez. Esta vez, con novo disco debaixo do brazo: Antigua y Barbuda.
Terbutalina, considerados os "enfants terribles" do garage punk galego, non parou de tocar, de crecer e de divertir a todo o mundo desde a súa formación en 2010. Fieis ao seu carácter irreverente, encheron salas e festivais de toda a península.
Chegarán a Pontevedra con nova formación, presentando unha festa que leva por nome A Casa da Tolemia e que, sen dúbida, fará as delicias do público do Surfing the Lérez.
Xunto a eles estará La casa de los ingleses, unha das bandas de referencia da escena musical pontevedresa. Co estilo indie pop que lles caracteriza, atópanse preparando o seu segundo traballo discográfico, continuidade a Punto de partida, editado hai tres anos.
Con eles, o público poderá gozar de cancións rítmicas e bailables e, en certos momentos, de sons próximos ao rock, sempre a través de melodías próximas e sen artificios.
Relacionadas:
-
O Surfing The Lérez, todo un fenómeno de masas... para toda a familia
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O Surfing the Lérez empeza pola Sala Karma
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Así é "Nunca lo veremos", o adianto do primeiro disco de La casa de los ingleses
Por Alejandro Espiño |
-
Surfing the Lérez, a "romaría do rock" que marca o inicio das Festas de Verán
Por Alejandro Espiño |
-
Un Surfing the Lérez "sobre rodas" suma a Furious Monkey House, Eladio y los seres queridos ou The Lákazans
Por Alejandro Espiño |
-
Bautismo festivaleiro a beiras do Lérez para os máis pequenos de cada casa
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |