'Amar non é un delito': a exposición que amosa a loita dos activistas LGTBI en África
Por Redacción
Amar non é delito. É a filosofía que preside a exposición que Amnistía Internacional organiza na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
É unha mostra que está composta por 27 láminas que aborda a loita polos dereitos humanos das persoas homosexuais, bisexuais, transxénero e intersexuais en diferentes países africanos a través dos seus protagonistas.
Así, entre outros, o público coñecerá a historia de Alike Nkrom, avogada e activista que traballa na defensa das persoas detidas e condenadas en Camerún pola súa orientación sexual, ou as de James Mwape e Philip Mubiana, dous mozos de Zambia que permaneceron máis dun ano en prisión preventiva por ter mantido "relacións carnais mutuas".
A exposición, que pasou xa por cidades coma Madrid, Bilbao, San Sebastián ou Santiago de Compostela, reúne unha serie de fotografías dos protagonistas do movemento en defensa dos dereitos do colectivo LGTBI en Kenia, Suráfrica, Camerún, Zambia e Uganda.
Son imaxes procedentes tanto do arquivo da propia ONG, entre elas, algunhas instantáneas realizadas polo fotógrafo Peter Muller, como cedidas por activistas como a ugandesa Kasha Jacqueline Nabagesera.
Desde Amnistía Internacional recordan que setenta países aínda tipifican como ilegais as relacións consentidas entre persoas do mesmo sexo, e na gran maioría deses casos, castíganas con penas de cárcere.
A eles súmanse os casos de acoso, discriminación e violencia por razóns de orientación e identidade sexual que se reproducen a diario, segundo denuncia a ONG.