'Sanxenxo fala' cun mes de actividades para conmemorar as Letras Galegas
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo xuntouse con varios colectivos sociais e culturais do municipio para promover un proxecto que, baixo o título 'Sanxenxo Fala' impulsa un mes enteiro de actividades para conmemorar a celebración do Día das Letras Galegas que o vindeiro 17 de maio se dedica á escritora e profesora pontevedresa "de corazón" María Victoria Moreno.
A concelleira de Educación, Cultura e Xuventude, Paz Lago, presentou o proxecto esta semana como unha iniciativa para desenvolver durante todo o mes de maio pola cultura e a promoción da nosa lingua.
O programa, coordinado pola concellaría, conta coa colaboración de trece colectivos do municipio: CCD Sanxenxo, Retesías de Portonovo, Soalleira de Dorrón, Ollares de Portonovo, Lembranzas, Abiñadoira, Os Gatiños de Portonovo, AA.VV de Dorrón, Neen@s, Coro Parroquial de Noalla, Colar polifónica Santa María de Portonovo, Os Cruceiros de Vilalonga e Airiños da Lanzada.
Paz Lago recorda que unha administración ten implícita dentro da súa xestión diaria a promoción do uso da súa lingua, neste caso o galego. Incide en que o Concello de Sanxenxo de xeito transversal xa o está a facer, pero cada vez máis é preciso concretar programas que teñan o galego como protagonista.
Ademais desta aposta polo idioma, o goberno pretende facer partícipe e implicar a toda a comunidade. Desta forma, o concerto pola lingua do verán, transfórmase en pequenos concertos elixidos polas agrupacións.