Raxó, escenario principal da programación do Día das Letras Galegas en Poio
Por Redacción
Poio organizou un completo programa de actividades para honrar a memoria de María Victoria Moreno, a escritora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que, segundo o goberno municipal, contribuíu de xeito notable ao enriquecemento da lingua galega.
Teatro, deporte e contacontos serán os eixos sobre os que se celebrará esta efeméride en Poio, comezando o día 12 de maio coa representación da obra Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, a homenaxe a María Victoria Moreno que leva a escena a compañía Matrioshka Teatro. Será no centro cultural Xaime Illa de Raxó ás 21.00 horas.
A biblioteca municipal será un escenario clave, xa que entre o 14 e o 18 de maio celebrará a Semana das Letras Galegas, con múltiples actividades ao redor da autora, entre eles un contacontos -día 15, 17.30 horas- sobre Os contos da festa no faiado.
Non faltará a actividade física porque, o mesmo 17 de maio, o peirao de Raxó acollerá unha carreira popular pola lingua que, este ano, inclúe a novidade de incorporar unha carreira para maiores de 18 anos. Ao redor, haberá diversas propostas para poñer en valor a lingua galega.
Xa pola tarde, ás 17.30 horas, Rafael Quintía ofrecerá a conferencia O mundo da mitoloxía na literatura galega oral no centro cultura Xaime Illa e, a continuación, entregaranse os premios aos gañadores da XXV edición do concurso literario Xaime Illa Couto. A xornada rematará coa actuación musical de Tino Baz.
A programación do Día das Letras Galegas en Poio rematará o sábado 19 de maio, ás 21.00 horas, coa representación da obra Chumbalagatas da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra no centro cultural Xaime Illa Couto. É unha obra incluída no ciclo PoioEscena 2018.
Relacionadas:
-
Cheo en Raxó para ver a estrea de 'Chumbalagatas' da Aula de Teatro de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra estrea 'Chumbalagatas' en Raxó este sábado
Por Redacción |
-
"Alcalde... Raxó existe!"
Por Redacción |
-
'A señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos' homenaxea a María Victoria Moreno no Principal
Por Redacción |
-
A relación de María Victoria Moreno coa natureza e cos cans chega ao Teatro Principal
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
A obra de María Victoria Moreno saltará "a escena" en toda a provincia
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |