A Mesa presenta a revista "A viñeta de Schrödinguer"
Por Redacción
Marcos Maceira, presidente da Mesa, e o debuxante Kiko da Silva presentaron en Santiago de Compostela o lanzamento dunha revista de banda deseñada chamada "A viñeta de Schrödinguer".
A Mesa leva tempo preocupada pola ausencia do galego en diversos ámbitos como o audiovisual, o empresarial ou o editorial e "ante un goberno irresponsable que non atende as cuestión que teñen haber coa lingua propia de Galiza", decidiu promover o nacemento dunha publicación nova en galego dirixido á mocidade.
Para Marcos Maceira a mocidade viuse afectada no pasado coa desaparición de publicacións e experiencias anteriores no mundo da banda deseñada. "Grazas ás achegas que fan as socias e socios a Mesa pode involucrarse nun proxecto moi necesario que ofrecerá un produto de boa calidade á poboación galega, nomeadamente a máis moza e dando traballo a creadores e creadoras galegas" apuntou.
Pola súa banda, Kiko da Silva explicou que malia o grande calidade e prestixio que ten no estranxeiro, a banda deseñada galega, está "totalmente esquecida polo goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza". Neste sentido agradeceu a decisión da Mesa por apostar por un produto de banda deseñada que permitirá reunir nunha publicación a creadores galegos e tamén internacionais.
A viñeta de Schrödinger demostrará que se pode facer produtos de calidade en galego para todos os públicos independentemente da lingua que empreguen. O director da nova revista comentou que mostra diso son as subscricións que xa están chegando desde fóra do país.
Kiko da Silva anunciou que son 16 os colaboradores que farán posíble sacar unha tiraxe inicial de 1.500 exemplares con 32 páxinas a toda cor, mais que poderían ser até 100 colaboradores, "mostra do talento existente no país e fieis á tradición que se remonta a Castelao, Xaquín Marín ou Miguelanxo Prado que comezaron facendo banda deseñada na Galiza", salientaron.
Os autores serán: Miguelanxo Prado, Fran Bueno Capeáns, Fernando Iglesias Coel, Miguel Robledo, Fernando York, Miriam Iglesias ou escritores como Antonio M. Fraga, Miguel Rojo Paulo Prado, Aldara e Joan Casarramona, Zaida Novoa, Afonso Barreiro e Kiko da Silva. Tamén haberá entrevistas internacionais que darán comezo coa neiorquina Sarah Andersen.
Por que ese nome? Porque na cultura galega a morte está moi presente coa santa compaña, Santo Andrés de Teixido ou mesmo coa lingua galega que moita xente pensa que está morta pero outra moita xente pensa que está viva dándose unha dualidade de estar morta e viva á vez, como o gato de Schrödinguer.