Rosendo, Bunbury, Antonio José, Carlos Sadness ou Mocedades estarán nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño
Xa coñecemos a que soarán as Festas da Peregrina. O Concello de Pontevedra desvelou este venres a programación das festas de verán, tres meses de actividades "case diarias" segundo explicou Carme da Silva. Un dos grandes atractivos volverá ser, un ano máis, os concertos que se celebrarán durante a semana grande dos festexos patronais.
Haberá concertos "para todos os públicos" e todos eles de balde, destacou a edil de Festas, que farán desfilar por Pontevedra a grandes artistas de proxección nacional e internacional. Así, durante as Festas da Peregrina, actuarán Rosendo, Bunbury, Antonio José, Carlos Sadness e The Gift, Son de Seu, Andrés Suárez, Sidecars ou Mocedades, entre outros.
A xira de despedida de Rosendo, tras máis de 45 anos na música, dará o pistoletazo de saída ás festas o sábado 11 de agosto. Trátase dunha actuación "moi agardada" do mestre do rock urbano, segundo a responsable de festas, e Pontevedra será "un dous poucos" concertos gratuítos desta xira. Estará acompañado do grupo local Glitter & Litter.
A música indie reclamará o seu protagonismo o domingo 12 de agosto. Farao da man de Carlos Sadness, que promete "moito espectáculo" no seu concerto de Pontevedra. Xunto a el tamén se subirá ao escenario da Praza de España a banda portuguesa The Gift, que chegarán á Boa Vila para mostrar a súa brillante proposta de rock alternativo.
Son de Seu será a oferta para o 13 de agosto e presentará en Pontevedra o seu novo disco. "É un privilexio contar con eles", destacou Da Silva, que lembrou que é unha das poucas grandes orquestras de música tradicional que existen en toda Europa e mostrouse convencida de que será un espectáculo "marabilloso".
O martes 14 de agosto o concerto principal trasládase á Praza da Ferrería. Farao da man do cantautor galego Andrés Suárez, que actuará en Pontevedra por primeira vez tras suspender hai uns anos un concerto previsto no Pazo da Cultura. Mentres tanto, a Praza de España acollerá a Los 40 World Dance Music.
Outro dos grandes atractivos destas Festas da Peregrina verémolo o mércores 15 de agosto. Bunbury, un dos artistas españolas máis internacionais, actuará na Praza de España. "Custounos moito traballo traelo", recoñeceu a concelleira de Festas, xa que o ex líder de Héroes del Silencio non adoita ofrecer concertos gratuítos.
O relevo tomarao, ao día seguinte, Antonio José. O gañador da terceira edición de La Voz chega a Pontevedra convertido nun ídolo de masas, especialmente entre o público máis novo. A súa traxectoria musical é seguida por centos de miles de fans en toda España e Latinoamérica e en Pontevedra actuará o xoves 16 de agosto.
Ao público infantil dedícase a actuación principal do venres 17 de agosto. Será co espectáculo Uxía Lambona e a Banda Molona, que se presentará na Praza de España. Para un público máis adulto -amante da música galega de raíz- haberá un programa alternativo, o concerto de Radio Cos na Praza da Ferrería.
A banda de rock Sidecars é a aposta para o sábado 18 de agosto. Os madrileños, que tamén contan cunha notable lexión de seguidores, farán soar o seu rock na Praza de España para presentar en directo os temas do seu último disco, Cuestión de gravidad, que tamén soou hai apenas un mes na Sala Karma.
O broche de ouro poñerao, o domingo 19 de agosto, a dobre oferta musical que conforman Caxade, unha das grandes referencias da música galega actual, que actuará na Ferrería; e Mocedades, que se subirá ao escenario principal da Praza de España cun concerto sinfónico no que estarán acompañados da Banda de Música de Salcedo.
Todas estas actuacións forman parte do programa de Festas de Verán que impulsa o Concello de Pontevedra durante os meses de xuño, xullo e agosto.
Relacionadas:
-
O adeus de Rosendo aos escenarios congrega a miles de persoas en Pontevedra
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A montaxe de atraccións e do escenario en Praza de España, preludio das festas
Por Redacción |
-
Chegou o Animatrón ao parque das Palmeiras
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Maruxa das Cortellas, primeira muller homenaxeada no Memorial Ricardo Portela
Por Redacción |
-
A xornalista María Varela será a pregoeira das Festas da Peregrina
Por Oskar Viéitez |
-
Os "bolos" do Local de Música regresan con novidades ás Festas de Verán
Por Redacción |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |