'Noites de Estrelas' chega a Pontevedra tras esgotar entradas na Coruña
Por Redacción
A Viradeira Produccións presenta en Pontevedra o seu novo show de humor e musical "Noites de Estrelas", cuxa xira galega comezou no Teatro Colón da Coruña, coas entradas esgotadas.
Catro mestres do humor galego e nacional: Isi, Patricia Vázquez, Manuel Manquiña e Sergio Pazos, presentarán os seus monólogos cargados de enxeño.
Estes catro vellos coñecidos de múltiples programas e series da Televisión de Galicia, actúan por primeira vez xuntos nun mesmo escenario.
O resultado será "un vertixinoso espectáculo de hora e media de humor variado, arriscado e entrañable, onde a improvisación, o xogo co público e a ironía xogarán un papel importante" informan desde A Viradeira Produccións.
Abrirá e pechará o espectáculo a orixinal formación musical The Funkles. Trátase dunha banda tributo The Beatles e os ritmos funk, soul e jazz.
A traxectoria de The Funkles foi meteórica, participando en varios festivais nacionais e internacionais, que os levaron a realizar actuacións en países como Rusia, Inglaterra, Portugal ou Finlandia.
As entradas para o espectáculo "Noites de Estrelas", programado para o sábado 9 de xuño ás 20:30 no Auditorio Afundación de Pontevedra, poden adquirirse na páxina ataquilla.com.
Relacionadas:
-
Pontevedra vive unha auténtica "noite de estrelas" chea de música e humor
Por Redacción & Diego Torrado |
-
'A canción do elefante' pecha o ciclo Ponteatro 2017 cun notable éxito de público
Por Mónica Patxot |
-
Manquiña e Zahera botan un pulso para ver quen é máis retranqueiro
Por Diego Torrado |
-
Afundación celebra o décimo aniversario da rehabilitación do edificio da súa sede
Por Redacción |