Tango para tempos de crise
Por Anxo Lourido
A familia como metáfora da sociedade actual. Así se presenta Tango, a obra de Sarabela Teatro que este venres 19 a compañía ourensá vai presentar no Pazo da Cultura a partir das 9 da noite.
Durante a presentación no Concello do espectáculo, a integrante do reparto, Sabela Gago e o actor Vicente de Souza, premio María Casares como mellor actor secundario, explicaron que Tango é unha montaxe sorprendente que fala das loitas de poder dunha maneira divertida.
Os actores explicaron que, malia que sempre se fala de que o teatro está en crise, o aumento do 21% do IVE aos espectáculos pode repercutir moi gravemente e fomentar a ausencia de espectadores.
A obra contará tamén cunha función matinal ás 11:30 concertada con centros escolares que permitirán a asistencia de 130 nenos.
Na función das 9 do serán, as entradas poden adquirirse a un prezo de 8 euros (5 euros para estudantes, parados e xubilados) en servinova ou dúas horas antes na billeteira do Auditorio.