Bueu incorpórase ao circuíto do jazz co seu propio festival internacional
Por Redacción
O jazz soará en Bueu o próximo mes de xuño. Nace o Festival Internacional de Jazz de Bueu, un evento cultural que se celebrará do 7 ao 10 de xuño en diversas localizacións da vila e que incluirá un total de sete actividades.
É un festival promovido pola Asociación de Jazz de Bueu e o Concello de Bueu.
O presidente da asociación, Chus Pazos, destacou que este festival contará coa presenza de varios músicos internacionais como o baterista iraní Shayan Fathi, o baixista holandés Felix Barth e o saxofonista italiano Rosollino Marinello ou artistas chegados de toda a península ibérica e haberá un especial protagonismo de músicos galegos.
A programación arranca o 7 de xuño cun concerto a cargo do cuarteto do cantante e saxofonista lucense Antonio Otero, que se celebrará ás 21.00 horas no Farol, e que combinará un espectáculo vibrante, cheo de swing e bo humor. Xunto a el estarán Álvaro Vieito á guitarra, Juansi Santomé ao contrabaixo e Antón Iglesias á bateria.
O 8 e o 9 celebraranse dous concertos centrais na Praza Massó con acceso de balde. O venres, a partir das 22 horas, será a quenda de JUZZ, a banda do guitarrista galego Virxilio da Silva quen, xunto a Rosalino Marinello, Álex Salgueiro, Xan Campos, Felix Barth e Iago Fernández, ofrecerán un espectáculo que mestura o rock psicodélico e ácido de finais dos sesenta co pop avant-garde máis experimental, o noise, o stoner e o jazz.
O sábado, á mesma hora, a cidadanía poderá escoitar a música de Antonio Lizana Group, un saxofonista e cantante gaditano, expresivo, fresco, persoal e convincente, que introduce sabores e cores propias da súa terra, cun estilo que navega entre o flamenco e o jazz, lonxe do convencionalismo.
No programa tamén se inclúen dúas jam sessions e outras de jazz de mediodía en diversos locais hostaleiros da vila. Felipe Villar Trío actuará o 8 de xuño a medianoite no B-Living para ofrecer composicións orixinais dos seus últimos discos Home e Outro, coa compañía do contrabaixista José Manuel Díaz e o baterista Max Gómez.
O sábado tamén a medianoite actuarán no Aturuxo o cuarteto de Sunil López, unha banda formada por Diego Alonso, Álex Touceda e Héctor Agulla, que presentarán temas que van desde o jazz máis tradicional ao contemporáneo, con tintes doutros xéneros como o rock ou a música clásica.
Finalmente están as sesións de jazz de mediodía. Precisamente, M.G.V. Trío actuará o sábado ás 13 horas no Leña Verde, da man de Miguel González (unha das novas promesas do jazz na nosa comunidade), Brais López e Íñigo Azurmendi, que farán as delicias das persoas asistentes cun espectáculo de jaxx vibrante, tanto polo dominio do instrumento coma pola calidade da linguaxe.
Pecharán estas sesións, Pablo Sanmamed Trío o domingo ao mediodía en La Perfecta. O artista estará acompañado por Iago Mouriño e Bruno Couceiro, cos que se atreverá con composicións propias e revisitacións de compositores como o exipcio Ibraim Al Aryan ou Ariel Ramírez.