Morcheeba pechará o ciclo Voices en Pontevedra o 23 de novembro
Por Alejandro Espiño
O ciclo Voices reservaba unha gran sorpresa para o final. A banda británica Morcheeba actuará no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo 23 de novembro.
Morcheeba presentará en Pontevedra o seu novo disco, Blaze Away, que saíu ao mercado hai apenas uns días. É o seu primeiro álbum de estudo en cinco anos. Con el, os pioneiros do trip- hop regresan aos sons que, cos seus primeiros discos, convertéronos nunha das grandes referencias musicais desde finais dos anos 90.
Así, segundo explicou o seu produtor Ross Godfrey nunha recente entrevista, neste novo disco apréciase a influencia do blues dos 50, a psicodelia dos 60, o reggae dos 70, a música electrónica dos 80 ou o hip hop dos 90.
O coordinador do ciclo, Carlos Mantilla, destacou que a cantante de Morcheeba, Skye Edwards, é unha das voces " máis persoais e simbólica" da música británica e avanzou que o de Pontevedra será "diferente" aos que dará a banda na súa xira.
O aforamento do Pazo permitirá que sexa "máis íntimo" e haxa unha maior proximidade co público e máis calidade acústica "que en recintos máis grandes". Ademais, avanzou que o directo de Morcheeba ten unha "potencia absoluta".
Carmen Fouces, concelleira de Cultura, mostrou a súa confianza en que este concerto terá " moito tirón", xa que a xira de Morcheeba por España só ten datas confirmadas en Madrid, Barcelona, Bilbao e Pontevedra, polo que se espera que acuda público de toda Galicia e mesmo do norte de Portugal.
A actuación de Morcheeba, como as anteriores do ciclo Voices, será ademais un "escaparate" do talento local e, salvo imprevistos, o artista Marcelo Dobode será o teloneiro da banda británica no Pazo da Cultura.
As entradas xa están á venda e pódense adquirir a partir de 15 euros en ticketea.com.