A choiva leva a Quico Cadaval a contar as historias inaugurais de Sete Falares no Museo
Por Redacción & Mónica Patxot
A choiva que caeu na tarde deste xoves tamén fixo acto de presenza na apertura de 'Sete Falares', o Encontro Internacional de Contadores de Historias que, como cada primavera, volve para encher de narración oral a cidade. A inauguración correu a cargo do galego Quico Cadaval, que puxo a súa voz e humor como estaba previsto, pero cambiou o escenario da praza da Peregrina polo Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Esta edición 2018 de Sete Falares comezou con éxito de público pese á choiva e ao cambio de ubicación e abre catro días nos que Pontevedra poderá escoitar as historias de contadores e narradoras de Camerún, Portugal, Zamora e Galicia. Será ata o domingo 10 de xuño, catro intensos días coa oralidade e a forza da palabra como protagonistas.
A organización ten previstas sedes alternativas, a cuberto, para as citas programadas ao aire libre. Se chove, tamén se trasladará desde as ruínas de San Domingos ao Teatro Principal a cita prevista para este venres ás 22.30 horas con Susana Cecilio, Guti e Quico Cadaval en 'Tres eran tres'.
Este sábado ás 12.30 está previsto no palco da música da Alameda, Boniface Ofogo, pero se chove a cita será no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).
Nos Sete Falares haberá dúos de narradores, rutas de historias e sesións de contos en espazos singulares da cidade. O encontro promete ser toda unha festa da narración oral nun proxecto orientado principalmente a público adulto, aínda que tamén haberá sesións dirixidas a público familiar.
Toda a programación é de balde agás a gala de clausura. Consulta toda a información: www.setefalares.eu.
Relacionadas:
-
Sete Falares 'irmandará' Galicia e Latinoamérica na súa oitava edición en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Unha sesión con todos os narradores pon fin á sétima edición de Sete Falares
Por Redacción |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |
-
Sete Falares xunta en Pontevedra a contadores de historias de Galicia, Zamora, Portugal e Senegal
Por Alejandro Espiño |