Madrid, Valencia e Barcelona acollerán unha exposición co patrimonio arqueolóxico de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o prego, por valor de 320.000 euros, para a produción, montaxe e desmontaxe, transporte, almacenamento, garda e custodia, mantemento e peche da exposición "Galaicos, un pobo entre dous mundos" que levará ata Madrid, Valencia e Barcelona o patrimonio arqueolóxico de Pontevedra.
A exposición, dotada de entre 60 e 70 pezas e con recursos de carácter didáctico e audiovisuais, arrancará a finais deste ano en Madrid, no Museo Arqueolóxico Nacional, e desde alí partirá, entre o 2019 e 2020, ao Museo de Prehistoria de Valencia, ao Museo Nacional d´Arqueología de Catalunya e ao Museo de Pontevedra. En cada una destas cidades, a Deputación de Pontevedra manterá a mostra entre 4 e 6 meses.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou en rolda de prensa que este é "un proxecto estrela que nos vai referenciar e permitir poñer en valor o noso extraordinario pasado para fomentar o noso presente e o noso futuro".
Coa exposición itinerante "Galaicos, un pobo entre dous mundos" o goberno provincial tamén quere poñer en valor os xacementos dentro das estratexias de promoción turística, desestacionalizando a demanda, captando novos visitantes potenciais e revalorizando o turismo de calidade.
Ademáis Carmela Silva destacou o carácter científico do proxecto, para comprender a dinámica socioeconómica da provincia na antigüidade e a vertente socioeconómica, xa que "estamos a recuperar os espazos patrimoniais como espazos sociais, creando postos de traballo relacionados co turismo e a cultura".
A exposición enmárcase nas actividades do Ano Europeo do Patrimonio no que a Unión Europea está a animar ás administracións a promover proxectos e actuacións como esta.
Relacionadas:
-
Volve 'Galaicos', con catro meses por diante para descubrir o patrimonio arqueolóxico e cultural da provincia
Por Redacción |
-
A exposición 'Galaicos, un pobo entre dous mundos', guía arqueolóxica e visual da provincia
Por Noticia patrocinada |
-
Pontevedra presume en Madrid do seu patrimonio arqueolóxico
Por Redacción |
-
O patrimonio arqueolóxico da provincia faise un oco nos mellores museos do país
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra amosa os dous lados do Atlántico a través da mirada de José Solla
Por Redacción |