Unha sesión con todos os narradores pon fin á sétima edición de Sete Falares
Por Redacción
Tras catro días cheos de historias, Sete Falares chegou á súa fin. O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este domingo a clausura deste certame de narración que, como vén sendo habitual, concluíu cunha rolda con todos os contadores que participaron.
Así, o público que enchía o teatro puido gozar das historias do camerunés Bonifacio Ofogo, as portuguesas Susana Cecilio e Sofía Maul, o zamorano José Luis Gutiérrez "Guti" e o galego Quico Cadaval.
A clausura, ademais, estivo amenizada coa música de Nuri, un dúo de arpa e violín.
Ao longo da fin de semana, Sete Falares mantivo a súa programación a pesar de que algúns recitais tiveron que cambiar de escenario pola choiva, ao celebrarse ao aire libre.
Este encontro internacional de contadores de historias, organizado pola compañía pontevedresa Pavís Pavós, arrancou o pasado xoves no Sexto Edificio do Museo coa sesión inaugural a cargo de Quico Cadaval.
Cada un dos narradores tivo a súa propia sesión no CITA ou o Palco da Alameda, escenarios para estas funcións individuais, mentres que en formato dúo ou trío actuaron no Teatro Principal e o CITA.
Ademais, celebrouse de novo a Ruta de historias, un percorrido guiado por lugares emblemáticos da cidade mentres se escoitan as historias dos protagonistas de Sete Falares e que, de novo, volveu esgotar as prazas dispoñibles na noite do sábado.
Relacionadas:
-
Sete Falares 'irmandará' Galicia e Latinoamérica na súa oitava edición en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A choiva leva a Quico Cadaval a contar as historias inaugurais de Sete Falares no Museo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Sete Falares xunta en Pontevedra a contadores de historias de Galicia, Zamora, Portugal e Senegal
Por Alejandro Espiño |