A compañía Clownic presenta en Vilagarcía o seu espectáculo "100% Tricicle"
Por Oskar Viéitez
Os mellores sketchs dos espectáculos de Tricicle chegan esta fin de semana a Vilagarcía da man de Clownic, a compañía creada polo famoso trío catalán de mimos, co obxectivo de levar as súas creacións por toda a xeografía nacional e parte de Europa.
100% Tricicle chega o sábado 11 de maio, ao Auditorio Municipal para facer rir aos vilagarciáns cos gags máis famosos e desternillantes dos espectáculos de Tricicle moitos dos cales xa forman parte do imaxinario popular.
Manicomic, Exit, Slastic, Terrific, Entretrés ou Sit dan contido a esta antoloxía dos mellores momentos de Tricicle que promete arrancar unha gargallada do público cada 10 segundos.
O inconfundible humor sen palabras de Tricicle irrompe o sábado no escenario do Auditorio nunha función que comezará ás nove na noite e que, contando coa dirección do trío catalán, será interpretada polos integrantes de Clownic: Eduard Méndez, Antonio del Valle e Jaume Ortanoba.
As entradas para 100% Tricicle custan 22 euros e xa se poden adquirir a través da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500. Tamén estarán á venta na billeteira do Auditorio o día da función a partir das 19:00 horas.