'A tiro hecho', título da súa primeira novela publicada, foi a que puxo a Francisco Lozano por primeira vez ante os micrófonos de PontevedraViva Radio. Dous anos despois, a comezos de xullo, xa estará á venda en Pontevedra a segunda: 'Uranio'. Ambas, historias de ficción ancoradas á actualidade do contexto narrativo: 2013 a anterior e 2015 esta.
Os lectores van penetrándose no devir dos protagonistas á vez que recoñecen os nomes propios e os acontecementos reais que describe. Neste caso dous presidentes: Chirac en Francia e Zapatero en España. Un encargo e unha mina de uranio. Como reza na contraportada: "Disto trata o relato, dos azares que determinan a nosa existencia sen que podamos previr nin sequera evitar".
Falamos neste Cara a cara da súa vocación lectora e escritora. A última comezou coa súa xubilación. Francisco Lozano Rodríguez ten xa, cando menos, os borradores doutras dúas novelas. El di que é de 'escritura lenta' pódese engadir que concienzudamente documentada e metódica no hábito. Se o refrán di 'nunca é tarde se a dicha é boa' e se muda a 'nunca é tarde se a escritura é boa' a máxima está sobradamente cumprida no caso deste zamorano pontevedrés.