Miriam Iglesias, alumna do Garaxe Hermético, gaña o concurso europeo de ilustración European Comic Schools 2018
Por Redacción
A autora ferrolá Miriam Iglesias, alumna da escola pontevedresa O Garaxe Hermético, logrou gañar un dos máis importantes concursos europeos de ilustración e cómic, o European Comic Schools 2018. A artista galega lograba o triunfo na categoría de Ilustración deste certame.
Nesta edición foron seleccionadas máis de trinta escolas e ademais da ilustradora do centro pontevedrés tamén foron premiados outros debuxantes de escolas italianas, francesas e alemás.
O traballo de Miriam Iglesias fai referencia aos Contos de Halloween e Yoshiyasu Tamura, integrante do xurado, destacaba que a forma en que o ollo é guiado pola páxina é realmente excelente. E engade que se podería crear unha historia só a partir desta ilustración. O Garaxe Hermético foi a única escola de debuxo española seleccionada para participar neste certame.
Miriam Iglesias indica a PontevedraViva que hai catro anos nin sequera se vía dentro do ámbito da banda deseñada e da ilustración.
"Para min era un sector bastante descoñecido, malia tido cursado previamente artes tanto en bacharelato como na universidade, porque nunca se adoita falar do que realmente require ou de que forma se pode acceder a el. Tiven o tino de apuntarme a unha escola especializada, e iso axudoume a medrar como artista en tempo récord e a coñecer mellor este mundo", explica a autora.
Ao ter participado O Garaxe Hermético no concurso de Mangadraft tivo a oportunidade de "competir" no terreo internacional fronte a creadores de outras escolas do continente. "Foi unha sorpresa verme entre os gañadores na categoría de ilustración", afirma, e síntese orgullosa polo alto nivel deste certame. Destaca tamén que varios dos seus compañeiros de O Garaxe Hermético quedaran finalistas.
A ilustradora premiada recibiu en 2017 o premio de fin de curso no Garaxe Hermético, a escola de Kiko da Silva. Actualmente traballa no seu primeiro libro baixo o título 'Oropel', que será publicado pola editorial Retranca. A autora publicará tamén na revista A viñeta de Schrödinguer.
Relacionadas:
-
Chega 'Intraterra', o décimo cómic publicado polo alumnado de 'O Garaxe Hermético'
Por Redacción |
-
Marín saca a rúa unha campaña de educación en valores debuxada por Kiko da Silva
Por Redacción |
-
Éxito de actividades e participación na Festa dos Libros
Por Redacción |
-
Kiko Dasilva impulsa A Viñeta de Schrödinger, nova revista da banda deseñada galega
Por Redacción |
-
Premios para dúas novas promesas da banda deseñada galega formadas no Garaxe Hermético
Por Redacción |