Kalandraka celebra os seus 20 anos reunindo máis dunha ducia de autores na Festa dos Libros
Por Oskar Viéitez
Máis dunha ducia de autores dos "Libros para soñar" que Kalandraka ten publicado ao longo dos seus 20 anos de traxectoria déronse cita na derradeira xornada da Festa dos Libros de Pontevedra.
Eles son Manuel Lourenzo González, María Xosé Fernández, Pepe Cáccamo, Óscar Villán, Olalla González, Marc Taeger, Pilar Martínez, Chema Heras, Ramón Trigo, Manuela Rodríguez, Xosé Ballesteros, Federico Fernández, Xosé Manuel González "Oli", Alicia Suárez, Belén Padrón e Kiko da Silva.
Todos eles sumáronse a este acto aberto ao público no marco do aniversario da editorial, no que Bea Campos e Manuel Pombal conduciron unha sesión de contacontos e música.
É a primeira vez que se produce unha xuntanza tan numerosa de creadores vencellados a Kalandraka e a Pontevedra: uns por ter estudado na Facultade de Belas Artes, outros por ser oriundos da cidade ou dos seus arredores ou por estaren afincados nela.
Coas obras das que son artífices, o repertorio desta sesión de animación á lectura ofreceu contos destinados a prelectores, adaptacións de contos tradicionais e contos de autor, sen esquecer o papel da editorial na publicación en galego dos clásicos contemporáneos da literatura infantil e xuvenil.
Kalandraka fundouse un 2 de abril -Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil- de 1998 e actualmente está posicionada no ranking das cen primeiras empresas do sector editorial a nivel estatal (posto 82), sendo a primeira galega en volume de facturación, segundo os medios especializados.
Conta con máis dun milleiro de títulos vivos nos seus catálogos en galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano, e este mesmo mércores anunciará a decisión do xurado do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.